sábado 29/01/22

Davide Salvado, Agoraphobia e Sonia Lebedynski, entre as gañadoras dos Martín Códax

Cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música e nova fornada de gañadoras nunha gala dedicada ás mulleres: desde os máis consolidados como Davide Salvado ou Talabarte até novas propostas como Sonia Lebedynski ou Agoraphobia.

martincodax
Foto de familia da Gala dos Premios Martín Códax 2017

Nesta edición a protagonista foi a musicóloga suíza Dorothé Schubart, autora da biblia do folclore galego. Pero non só ela, a gala dos IV Premios Martín Códax da Música reivindicou o papel das mulleres na música, cuxa importancia tamén se plasmou nas gañadoras: Agoraphobia gañou na categoría de rock; Sonia Lebedynski en canción de autor; Áureas en Voga en música de verbena; VooDoo (o dúo de Belén Tajes e Maritxinha) en blues/funk/soul; e Ejazz en grupos vogais.

Pola banda das músicas de raíz, os gañadores foron Davide Salvado en música tradicional; Vaamonde, Lamas e Romero en Folc; e Talabarte en músicas do mundo. En pop Os Amigos dos Músicos impúxose a Berlai e Xoel López; en rock as gañadoras foron as barbanzás Agoraphobia; en jazz Iago Fernández; e en hiphop Malandrómeda, que continúa acumulando premios. 

MAV_1190

En clásica/contemporánea o gañador foi Alberto Vilas e en música electrónica Pálida. O metal rematou na gabeta de Aphonnic, e na categoría de mestizaxe levaron o premio O Sonoro Maxín. No apartado de música infantil triunfaron de novo María Fumaça con 'Aire!'.

Nos premios Organistrum para festivais gañou o Surfing the Lérez; no apartado de salas a gañadora foi a Pousada das Ánimas de Boiro; e no de espazos de comunicación, o galardón viaxou até a TVG, para o programa Zig-Zag.

Máis de 700 persoas asistiron á gala duns premios que xa están consolidados como a cita anual da música galega, e aos que se presentaron un total de 449 candidaturas. Conducida pola compañía de teatro A Panadaría, o espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: reivindicar o papel da muller no mundo da música. Houbo actuacións dalgúns  dos proxectos gañadores do pasado ano, como Silvia Penide ou Nastasia Zurcher; e os galardóns foron entregados por músicos e músicas premiadas na anterior edición. 

A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico á musicóloga suiza Dorothé Schubarth, polas súas novidosas achegas metodolóxicas na recollida e compilación de cantos populares de 38 zonas xeográficas de Galicia e limítrofes reunidos no Cancioneiro Tradicional Galego; pola a súa xenerosidade ao ceder todo este material ao Arquivo Sonoro de Galicia para a súa consulta pública; e pola súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres”.

Discurso reivindicativo da MAV

No seu discurso de clausura, a presidenta de Músicos Ao Vivo, Iria Pinheiro, afirmou que “a liberdade de expresión está sendo atacada con condeas de cárcere a músicos e isto evidencia que as artes escénicas non son divertimentos inocuos, e que debemos tomar consciencia sobre o seu poder para mudar a sociedade”.  Tamén denunciou os abusos e irregularidades dalgúns concursos públicos dirixidos ao sector musical; e pediu á administración un compromiso máis firme coa promoción exterior da música galega, cun maior orzamento, máis estruturado e coa certeza na concesión das axudas. Recordou que a baixada do IVE foi so para as entradas a espectáculos en directo, pero a contratación e facturación dos grupos e artistas segue gravándose co 21%. No plano social, esixiu programas de música na televisión pública, “que sirvan para dar a coñecer a realidade musical do país ao gran público en condicións dignas”; e reclamou que a presenza da Música nos currículos do ensino obrigatorio sexa reforzada “garantindo a súa continuidade en todas as etapas educativas”. 

Cooperativas de músicos

Por último, anunciou que MAV está xa na recta final do proxecto de creación da Cooperativa Galega de Músicos ao Vivo, “un soño –asegurou-que desexamos se faga realidade axiña e que marcará un antes e un despois na xestión e soporte legal das músicas e músicos galegos”. Pinheiro remarcou tamén que a colaboración de Músicos ao Vivo coas institucións está dando os seus froitos, acadando acordos que fixan unhas condicións económicas e laborais dignas para intérpretesmusicais en circuitos e festivais, que xa serán vixentes neste ano; e animou a a crear en todas as vilas agrupacións de músicxs baixo o amparo de MAV.

Os premiados nesta edición foron:

POP/iNDIE Os Amigos dos Músicos
ROCK Agoraphobia
JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Iago Fernández
HIP HOP/MÚSICAS URBANAS Maladrómeda
CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Alberto Vilas
FOLQUE Vaamonde, Lamas e Romero
MÚSICA TRADICIONAL GALEGA Davide Salvado
MÚSICAS DO MUNDO Talabarte
MÚSICA INFANTIL María Fumaça – Aire!
MÚSICA ELECTRÓNICA Pálida
METAL Aphonnic
REGGAE/SKA/MESTIZAXE O Sonoro Maxín
ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Áureas en Voga
BLUES/FUNK/SOUL VooDoo
CANCIÓN DE AUTOR Sonia Lebedynski
COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz
ORGANISTRUM FESTIVAIS Surfing the Lérez
ORGANISTRUM SALAS A Pousada das Ánimas
ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL ZigZag-TVG
PREMIO HONORÍFICO Dorothé Schubarth
 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Davide Salvado, Agoraphobia e Sonia Lebedynski, entre as gañadoras dos Martín Códax
comentarios