AELG propón nas Letras Galegas unha celebración expansiva das cantareiras
A Sección da Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) considera que a celebración das Letras Galegas 2025 supoñen “un recoñecemento ao importante traballo de investigación e divulgación realizado á marxe das institucións oficiais por numerosas persoas particulares, asociacións e colectivos que permitiron que esta herdanza do pobo galego chegase até nós hoxe”.
Por este motivo propón, a través dun comunicado, que “de cara a futuras programacións institucionais, presencia nos medios e divulgación nos centros de ensino” que se “trate con rigor” a oralidade das pandereteiras.
Branca Villares e Eva Teixeiro, responsábeis desta sección da ELG, lembran que é importante “o contexto en que se realizaron” e tamén que con elas “hónrase tamén a música vogal feminina”. Neste sentido, demandan ter en conta “os ciclos vitais” nas que se deron e “a súa propia regulamentación”.
Nalgunhas que se transmitiron destacan “o pouso da violencia contra a muller” e o seu papel “normalizador do galego”. Neste sentido, animan a “traducir ao galego coplas que atopemos en castelán”.
Ademais, recomendan “facer pequenos achegamentos ao corpus folclórico e familiarizarse coa linguaxe deste arte da man das mulleres de referencia”.
Por este motivo, consideran que, de cara ao estudo e difusión en 2025, "a destreza na expresión oral non se adquire con tediosas explicacións e transmisión de coñecemento en vertical: practícase en horizontal". AELG conclúe que estas ideas poden traer "froitos significativos para a normalización lingüística e cultural do país, rachando co desleixo institucional".

