Os adeuses cruzados de Berrogüetto

A noticia correu veloz e con música. Nada máis se coñecer a disolución de Berrogüetto, as redes sociais facíanse eco da despedida. Os propios membros do grupo lembraban os 18 anos compartidos e despedíanse dos compañeiros. A rede axudaba a cruzar os "até logo". 

Berrogüetto
photo_camera Berrogüetto

“Aí vos vai a despedida, aí vos vai a derradeira,acabouse o chiculate, rompeu a chiculateira”, a canción que evocou Suso Ramallo no fin de Berrogüetto non tardou en reproducirse nos muros dos distintos compoñentes do grupo que maiormente empregaron as súas páxinas persoais para abrazar aos compañeiros despois de dezaoito anos de escenarios, discos e rutas compartidas. 

“Aí vos vai a despedida!” colleu tamén como arranque Quim Farinha, que compaxina a banda coa agrupación Talabarta, “Despois de mil batalhas e milheiros de alegrías, Berrogüetto chega ao final da súa travesía para botar áncoras...”, escrebe para agradecer ao resto do grupo a “marabilhosa viaxe” compartida. “Remata así umha etapa inesquecíbel, máis coa esperanza de que outras terras ficam por descubrir, e a certeza de que tod@s coincidiremos em outros lares...Aperta kósmica...!!!”, di finalmente Farinha. 

Guadi Gallego, a que fora voz da banda, sen citar o nome dálle o abrazo a seu irmá Santi Cribeiro, membro do grupo desde a súa fundación “ Hai un home que naceu no norte en concreto en Cedeira, fala pouco, pensa moito e non se mete en moitos líos pero sinte hoxe que media vida quedou nos palcos,para el. Hoxe dende o meu corazón hai un sentir distinto....”,  sinala, para desexarlle boa sorte a todos os compañeiros e as ansias de “seguir vogando”. 

Gratitude inmensa

“Gratitude inmensa” son tamén palabras de Anxo Pintos para o resto da  banda. “Faltan palabras que encarnen as emocións que se suscitan para descreber o aloumiño e o privilexio de ter vivido tantas experiencias únicas ao carón dos meus compañeiros, de tantos amigos e profesionais que contribuíron a que Berrogüetto fora un barco ao que nunca lle faltara o vento nas velas”, escribe Pintos. Tamén grazas por todos estes anos dá na rede Xabier Díaz, que remata a súa despedida cun elocuente “foi fantástico”. 

Isaac Palacín fai, polo seu lado, balance dunha banda que en abril cumpriría dezanove anos. “Dezanove anos de experiencias únicas intensas, de subidas de baixadas, de mil problemas e 999 solucións, de viaxes máxicas e duros periplos. De millóns de palmas e sorrisos e algún tirón de orellas”, di e lembra tamén aos compañeiros, algúns de 25 anos de traxectoria compartida. “Seguiredes sabendo de nós de un ou outro xeito. É o fin desta etapa, comezan outras!!”, adianta, cunha porta aberta á esperanza para tanta xente á que a noticia deixou un bocado máis triste. 

“Vémonos nos palcos!” di tamén Guillerme Fernández -membro con Xabier Díaz e Guadi Gallego de A Cada Canto- aventurando novos tempos despois de “media vida compartindo músicas, amizade, viaxes e moito máis” cos membros da banda. “Queda e segue a música e a vida vivida”, remata Guillerme, a música que non paraba de soar na rede desde que a noticia unha noticia  fixo que  o repertorio de Berrogüetto fose o máis escoitado do día. 

Comentarios