"Abril en decembro", olladas sobre o Zeca Afonso

Un concerto e unha exposición pretenden divulgar a importancia da figura
Zeca Afonso
photo_camera Zeca Afonso

A Associaçom José Afonso – Galiza (AJA-Galiza) presentou a programación "Abril em Dezembro. Cantos ao fío da Revoluçom dos Cravos" que desenvolverá durante este mes cun concerto e cunha exposición sobre Zeca Afonso.

Na rolda de prensa interviron Odilo G. Carnero, en representación da AJA-Galiza; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; e Xurxo Couto, responsábel de Cultura na Deputación da Coruña.

O concerto terá lugar no pazo de Rianxiño ou no Auditorio municipal de Rianxo en función das condicións meteorolóxicas e contará coa interpretación de temas do repertorio de José Afonso por parte dos músicos Tiago Fernandes e Jasper.

Este evento será o domingo 13 de decembro en sesión vermú, ás 12 horas, e emitirase por streaming. As persoas que desexen asistir en directo, deberán rexistrarse na web da AJA xa que as prazas son limitadas polas medidas de prevención da pandemia.

Ademais, a Associaçom José Afonso instalou en Rianxo a exposición didáctica José Afonso, Geografias de uma vida, con fotografías, documentos e textos informativos. Esta mostra pode visitarse a partir do 9 de decembro na Casa da Cultura de Rianxo, situada na praza de Castelao, con entrada de balde.

A mostra fai parte do traballo da AJA para difundir a obra do Zeca na Galiza e foi concibida como unha primeira aproximación que busca comprender a súa vida e as influencias musicais e reivindicativas do seu periplo de Aveiro a Angola e Mozambique (África) e de Belmonte a Coimbra e Setúbal (Portugal).

Os paneis desta mostra, que xa visitaron diversas vilas e cidades de Portugal, chegan a Rianxo.

Comentarios