Actos da Associaçom José Afonso polo 25 de Abril

Compostela conmemora a última revolución de Europa

O vínculo de Galiza coa Revolução dos Cravos é de longa data. Emocional e política, cada 25 de abril esa conexión celébrase por todo o país. Este ano, 45 aniversario, a Associaciom José Afonso (AJA) programa os seus actos en Compostela, a comezar por unha exposición de carteis na Fundación Eugenio Granell.
 

25_Abril_1983_Porto_by_Henrique_Matos_01
photo_camera Manifestación en Porto o 25 de Abril de 1983. Foto: Henrique Matos (Wikipedia).

'Os cartazes do 25 de Abril' é o título da mostra que, con Alba R. Silgo da AJA como comisaria, se inaugura esta quinta feira ás cinco da tarde. Estará aberta até o 5 de marzo. Xa na sexta feira, 26 de abril, decorrerá o groso do programa no centro social A Gentalha da Pichel.

cartaz 25 de abril

Ás cinco da tarde, Bruno Vilela presentará o libro Zeca Afonso para crianças, editado polas escolas infantís Semente. Porque ao cabo o cantor de Grândola (Vila Morena) é un dos elos principais entre o Portugal rebelde e a Galiza insubmisa. A seguir, Rilo e Penadique ofrecerán o “espectáculo de contacontos musicado” A formiga no carreiro, cuxo título fai referencia a outra canción do Zeca, do seu clásico elepé Venham mais cinco (1973).

O filme documental Foi na cidade do Sado (2011) -outra chiscadela a un tema de Afonso: o título foi cara B do irresistíbel sinxelo Viva o Poder Popular (1975)-, dirixido por João Pires, detense na vida do músico en Setúbal. Proxectarase ás oito do serán dese 26 de abril. A xornada rematará cunha cea de convivencia e un Concerto dos Meninos, cunha entrada de 10 euros, oito para socias da Gentalha.

O 29 de abril, segunda feira, ás sete e media da tarde, será a clausura de 25 de Abril sempre. José Moças exporá, na libraría Couceiro, o seu traballo de rescate e contextualización publicado en libro cedé como José Afonso ao vivo. Dous concertos inéditos, un de 1968 e outro 1980, integran esta alfaia, a última peza da inconmesurábel obra do Zeca.

Comentarios