A literatura infantil e xuvenil entra na Academia con Fina Casalderrey

A escritora Fina Casalderrey é a nova numeraria da Real Academia Galega e con ela entra a literatura infantil e xuvenil na institución que ten como obxectivo a promoción da lingua. Casalderrey será unha das cinco mulleres dun plenario composto por trinta persoas.
Fina Casalderrey
photo_camera Fina Casalderrey

A escritora Fina Casalderrey foi elixida nun plenario que rematou pasadas as 21 horas do venres como nova numeraria da Real Academia Galega para ocupar a cadeira que deixou vacante a morte de Illa Couto. Con ela entra na RAG literatura infantil e xuvenil, o xénero especialmente rico na literatura galega, mais que aínda non tiña espazo na institución presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín.

Dúas candidaturas optaban á elección que se desenvolveu no plenario da RAG, a de Fina Casalderrey, presentada en primeiro lugar, e a da poeta Chus Pato, que concorreu posteriormente cun forte apoio do presidente da RAG.

A Academia volve contar con cinco mulleres no seu plenario, a cifra máxima que o organismo acadara e que diminuíra despois da morte da bibliotecaria Olga Gallego. Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Margarita Ledo, Rosario Álvarez e agora Fina Casalderrey sentarán nas cinco das trinta cadeiras nos plenarios celebrados no do edificio da Rúa Tabernas.

Fina Casalderrey, natural de Pontevedra, é un dos grandes nomes da literatura galega con arredor de cincuenta títulos publicados. A súa primeira aportación á escrita dos máis novos foi Mutacións Xenéticas en 1991. En 1996 Os misterios dos fillos da Lúa outorgoulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Na súa traxectoria atópanse tamén tres singulares libros de recompilación de gastronomía tradicional, escritos canda o seu compañeiro Mariano García, O libro da empanada, Festas gastronómicas de Galiza e Repostería en Galiza.

Recentemente, Fina Casalderrey realizou xunto con Eloy Varela a curtametraxe Dúas Letras na que se adentra a través de imaxes na historia da emigración. O libro O neno can, escrito con Francisco Castro está tamén nas súas publicacións recentes.

Comentarios