O drama da emigración en imaxes en “Dúas Letras” de Fina Casalderrey

A carta non chega cando só dúas letras abondaría para que a nai amanciase un bocado a súa dor. Fina Casalderrey e Eloy Varela levan a imaxes o drama da emigración na curtametraxe Dúas Letras, unha historia familiar en branco e negro .

Aurea agarda cada día unha carta de Bos Aires. Á hora do carteiro pasar, senta nunha banqueta diante da casa, soñando con que hoxe é cando recibirá as dúas letras que calmarán o desacougo. As notícias nas que o fillo conta que regresa, que volverá polo Nadal, a tomar o testigo do pai preparando as mazás asadas con viño; noticias; de que todo vai ben alén mar, de que hai cartos e saúde. A espera, a dor e a ausencia son as grandes protagonistas de Dúas letras, o filme con que a escritora Fina Casalderrey, guionista e actriz nesta ocasión, xunto co director Eloy Varela converten en cine unha das historias da nosa emigración.Dúas letras recrea a Galiza rural dos anos cincuenta, as aldeas nas que nin unha casa quedaba libre da maior fenda que sofreu o país. A fame tiraba para abandoar a terra e xunto coa desgraza dos que marchaban estaba o desgarramento da ausencia nos que quedaban. A estes dedícanlle Casalderrey e Varela o filme, á nai que agarda sen poder facer nada unhas letras que lle cambien a vida, que lle devolvan ao fillo emigrado. 


En dúas aldeas de Pontevedra foi rodada en 2011 a película, para a que se optou por un branco e negro que evoca o tempo da emigración e pronuncia as diferenzas coa actualidade. Os autores quixeron mostrar o abismo que separa aquela época do noso tempo, a pobreza, a carencia de case todo, as casas sen máis obxectos qu eos precisos e a miseria que explica a marcha. De todo isto garda memoria de infancia a escritora Fina Casalderrey que evocou a Mark Twain cando dicía que “de neno acordábase de todo, sucedera ou non”. A historia de Dúas letras está tamén na súa memoria da infancia, cando lía con certo engolamento as cartas que a súa viciña recibía da emigración e que o seu analfabetismo impedía descifrar. A casa de Aurora non tiña case nada, unha cama cunha colcha con faisáns, dous santos de calendario pendurados e un porco criado nun recuncho, recordou a escritora na presentación de Santiago, pero anotou que a súa lembranza era “dunha casa moi limpa”. Nesa evocación está a orixe destas Dúas letras, unha creación moi persoal de Fina Casalderrey na que ela mesma aparece como a personaxe que escribe e le as cartas da señora Aurea.

Dúas letras recrea a Galiza rural dos anos cincuenta, as aldeas nas que nin unha casa quedaba libre da maior fenda que sofreu o país. 

En Dúas letras, a escritora montou o máis familiar dos equipos. Para converter en protagonista colleu a súa propia nai, Teresa Fraga, quen aporta á película a autenticidade dos seus 83 anos nos que se estrea como actriz. O resto das persoas que participan son tamén do seu entorno, ao igual que a paisaxe na que se rodou unha curta que ten xa tras de sí un ronsel de premios, entre eles, do festival de Cans.


“A la espera de la suya...” as cartas, verdadeiras protagonistas simbólicas de Dúas letras, recollen as expresións acuñadas para a linguaxe formalizada da escrita. Tamén a ingua, o español que afondaba aínda máis na distancia de persoas que nunca entre elas usaran máis lingua que o galego. Eloy Varela fala de “homenaxe ás cartas da emigración e ao que elas supuxeron” e evoca en certa medida a Mamasunción de Chano Piñeiro, esa outra creación xenial das poucas que levaron a emigración á nosa cultura en relación coa súa dimensión social.


A película de 20 minutos de duración sae agora publicada por Galaxia xunto cun libro no que se recolle o guión máis textos dos autores Fina Casalderrey e Eloy Varela ademais doutros de Víctor Freixanes e Francisco Castro. “Acá nos va tan bien que ya nos reghresamos a la tierra para siempre” inventa Aurea facendo que le unha carta que nunca será escrita e cada un dos minutos do filme aparecen agora no libro que acompaña ao DVD. “A película foi antes, por vez primeira. Cando pensei no libro non podía facer nada que non estivese xa na película por iso o que se recolle é o propio guión” explica a escritora, que asina o seu persoal proxecto de letras e imaxes. O editor Víctor Freixanes destacou na presentación a orixe do filme no entusiasmo e a xenerosidade do equipo capitaneado por Fina Casalderrey que ensinou á editorial o produto xa pronto. Freixanes comprometeuse a difundilo nos centros da emigración arxentina e destacou a conveniencia de chegar tamén ás escolas onde a xeración máis nova descoñece unha historia tan propia. 

Comentarios