"Que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial che vai fechar a porta ten un valor simbólico grande"
De non mirarmos os seus dados biográficos, diriamos que é ben máis novo, sensación que se acrecenta ao escoitar o gravado. Sen dúbida, a vitalidade e o entusiasmo transmítense polo ouvido. Entrevistamos Vítor Vaqueiro no Sermos Galiza 236. Deixamos aquí un extracto da conversa.
Hai pouco reivindicabas con moita outra xente a igualdade de trato para os escritores reintegracionistas no sistema cultural e editorial galego a través do manifesto O fim do apartheid.
Claro, é que non nos damos de conta disto, como funciona desde o punto de vista dos dereitos cívicos. Que unhas persoas se vexan privadas de publicar pola grafía coa que escriben é algo inconcibíbel. Pero ademais hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza redixidas en reintegrado e unha sentenza pola cal asociacións reintegracionistas lle gañan un xuízo ao goberno da Xunta de que ninguén pode ser marxinado nin discriminado pola súa grafía. E o máis grave é que o fan sen crelo, porque falas cos responsábeis das grandes editoriais galegas e din “estamos convencidos de que galego e portugués é o mesmo idioma”. Ou “vaia lío no que nos metemos, a ver como saímos del”. Ou as declaracións de Villares, presidente do Consello da Cultura, dicindo que hai que achegarse.
Na nosa opinión os problemas que atinxen ao desenvolvemento do galego son esencialmente políticos e sociais. Agora, xa o remarcamos varias veces no libro, a norma é un eficaz acompañante, como o gaiteiro que acompaña o rexemento inglés, no sentido de enfebelecer a identidade galega e achegar -visualmente mesmo- o galego ao español. A Xunta nunca vai admitir isto, pero creo que o seu último obxectivo é ese: que o galego se converta na forma específica de falar o español na Galiza, como cando moita xente di: “que riquiño el niño, vente que te voy a dar un colo”. E ignoran que colo é unha palabra galega.
De todos os xeitos, nos últimos anos a unidade lingüística galego-portuguesa xa ninguén a discute. Aí houbo un certo avance.
Con toda humildade, pero o feito de que Sechu Sende, Teresa Moure, Verónica Martínez ou eu mesmo -perdón por autocitarmeabandonaramos a normativa oficial, iso pesa. O meu caso debe ser o máis rechamante. Agora vou cumprir 69 anos. E que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial na que levas 35 anos publicando che vai fechar a porta, eu creo que iso ten un valor simbólico grande, independentemente de que Teresa é moito máis coñecida ca min. E é que ao cambiar de normativa ti sabes que perdes moito. Eu escribía un libro para Galaxia e aos tres meses sabía que estaba circulando polo país. E este libro leva tres anos feito, e sae agora. É complicado. Cambiar supón pagar unha peaxe altísima. Eu recoñezo que a xente que deu ese paso hai 20 anos, porque eu deino onte pola tarde en comparación, tivo que custarlle moito na súa vida. O cal non ten un pase. Por iso digo, á parte da cuestión máis ou menos técnica, é un problema de hixiene democrática. Unha sociedade que actúa así, está doente. Eu, sinceramente, se a norma oficial fose a reintegracionista e non se permitise escribir á xente que escribe na que hoxe é oficial, partiríame a cara por eles.
[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 236, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]