30 edición do Festival de Poesía do Condado dedicado ás Irmandades

Adeus ás vacións e ola ao Festival de Poesía do Condado, que volve cheo de versos e un fío condutor, as Irmandades da Fala. Será os días 2 e 3 de setembro. 

condado
photo_camera Imaxe histórica do Festival, con Bernardino Graña e Suso Vaamonde [SCD Condado]

O Festival, que se celebra en Salvaterra de Miño, é unha dos eventos poéticos de referencia no país, e regresa cunha chea de poetas e os seus cadernos, presentacións e sinaturas de libros, recitais e moito máis. 

Os protagonistas serán, coma sempre, as e os poetas, desde Antía Otero, até Emma Pedreira, pasando por Rochi Nóvoa, Emma Pedreira, Ana Romaní, Oriana Méndez, Mário J. Herrero ou Antón Blanco, entre outros. 

Máis que poesía

Alén de poetas e poemas, o Festival trae un cumprido programa dedicado a outras artes. Na podemos atopar a Sofía Espiñeira, cantautora que gañou o II Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo’; o rapeiro Sokram; o ‘trad’ de Zurrumulla ou o rock’n’roll de Familia Caamagno, entre outros.

Ademais, haberá tres exposicións: ‘Infinito’, de Daniel Pérez, ‘Debuxos de negros de Castelao’ (cedidos pola editorial Galaxia) e ‘100 anos. Irmandade da Fala de Compostela’. 

E un Aberto da Poesía, puntuable para a Liga Nacional de Billarda, xunto cunha selección de curtas do Festival de Cans e artes escénicas da man de Limiar Teatro, que nos trae ‘A lingua na boca. Letras, riscos e pensamentos de Castelao’. 

Comentarios