Un caderno recupera a historia do Banquete de Conxo no seu 170 aniversario: ritual, fraternidade e política
"O que propoño é desprazar a ollada. O Banquete de Conxo non foi simplemente un xantar nin unha exaltación romántica, senón un acto performativo consciente. O núcleo non estaba na comida, senón na inversión dos papeis sociais: estudantes universitarios servindo obreiros e artesáns". Quen así se expresa é o filólogo Xoán Costa, autor do caderno 170 Anos do Banquete de Conxo, editado pola Agrupación Cultural O Galo e a Fundación Galiza Sempre, que se presentou esta segunda feira no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, da presidenta da Agrupación o Galo, María Antonia Pérez, e do propio autor. Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S. A., empresa editora deste diario, propón unha nova lectura que visa a explicar como un banquete celebrado hai case dous séculos segue a ter resonancia na cultura actual.
"Para entender a dimensión simbólica do Banquete hai que mirar ao contexto de extrema dureza da época. A Galiza de mediados do século XIX era un país sumido nunha crise estrutural, marcado polo atraso económico e por unha profunda desigualdade social. A maiores, os anos previos ao que sucedeu en Conxo estiveron definidos polo chamado "ano da fame" (1853-1854), onde as malas colleitas e a presión fiscal asfixiaron as clases populares", explica o autor en conversa con Nós Diario.
Nese contexto, a Universidade de Santiago emerxía como un laboratorio de ideas novas. Compostela atraía moitos estudantes influídos polas ideas liberais, progresistas e románticas que circulaban por Europa: o liberalismo progresista, o republicanismo e o romanticismo social. Unhas correntes de pensamento que, ademais, se integraban nunha tradición política universitaria galega que se estende ao longo de medio século: comezou no Batallón Literario de 1808 e pasaba pola homenaxe pública á bandeira de 1822 e polo Batallón Literario de 1846. Desenvolvérase unha cultura política propia, baseada na mobilización simbólica, na ritualización pública e na reivindicación da dignidade colectiva.
"A cerna do Banquete inscribíase nesa tradición", afirma Costa. "A memoria da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral estaba presente entre os promotores do acto, organizado intencionadamente no seu décimo aniversario. Foi unha intervención cultural, na que os estudantes –membros da elite cultural e futuros dirixentes– decidiron servir a mesa a obreiros e artesáns. Este xesto rachaba coa lóxica social dominante, cuestionaba a xerarquía e propuña unha comunidade baseada na igualdade moral".
Pensamento europeo e galeguismo
O Banquete conectou Galiza coas correntes de pensamento máis avanzadas de Europa. Os seus impulsores, como Aurelio Aguirre, Luís Rodríguez Seoane e Eduardo Pondal –estudantes ben integrados nos circuítos culturais da cidade, con presenza na prensa e nos espazos de sociabilidade intelectual– declarábanse seguidores do socialismo utópico de Fourier, Owen ou Proudhon. Era unha xeración que entendía que, nunha nación colonizada, a cuestión social e a nacional son "dúas caras dunha mesma moeda". Porén, Costa advirte de que é preciso matizar esa adscrición do Banquete ao galeguismo.
"Non hai formulación nacional explícita nin uso político do galego no acto. Polo tanto, non é galeguismo no sentido moderno", declara. "Non obstante, si crea unha forma de facer política que o galeguismo asumirá máis tarde: a centralidade do pobo como suxeito moral e a importancia do ritual público como intervención cívica. Non é a nación formulada, pero si unha cultura política que a fará posíbel".
De feito, Costa interpreta como síntoma o paradoxo de que un evento que se reivindica como fundacional no movemento galeguista se desenvolvese integramente en castelán. "En 1856 o galego aínda non estaba codificado como lingua literaria e moito menos como lingua política. A nación política e a nación lingüística non avanzan necesariamente ao mesmo tempo. O feito de que os brindes estivesen en castelán non invalida a súa significación galega; revela os límites e condicións da época", aclara.
A reacción
A proba de que o Banquete de Conxo tivo unha gran relevancia na súa época é que a reacción conservadora non tardou en aparecer. A prensa madrileña máis reaccionaria, como o xornal El Parlamento, cualificou o evento de "inmunda bacanal" onde se profanaban "a relixión e o trono". O medo a que as ideas igualitarias prenderan nas clases populares levou ás autoridades a vixiar e presionar os organizadores.
Pola contra, a prensa liberal como La Oliva defendeu o Banquete como unha mostra de "madurez cívica", argumentando que as ideas democráticas estaban xa "no ar que respiramos".
Curiosamente, a prensa compostelá adoptou unha postura máis matizada. Xornais como El Eco de Santiago ou La Aurora de Galicia recoñeceron o entusiasmo dos participantes e a dimensión cultural do acto, mais tamén expresaron preocupación polas súas posíbeis con secuencias políticas. Unha ambivalencia que reflicte a posición particular das elites locais, atrapadas entre a admiración pola vitalidade intelectual da mocidade universitaria e o temor a que esa mesma enerxía alterase o delicado equilibrio social da cidade.
O legado
O Banquete non pretendía abolir a estrutura social nin formular un programa político explícito. A súa eficacia residía na capacidade para producir un impacto moral e emocional.
"Non transformou a desigualdade nin alterou o poder institucional. Pero mudou algo menos visíbel: a representación pública da dignidade. Fixou como lexítimo dicir e escenificar que a dignidade non depende da clase social. Foi unha utopía practicada durante unhas horas. E ás veces esa experiencia simbólica deixa unha pegada cultural que permite que décadas despois outras cousas sexan posíbeis. O Banquete demostrou que se pode intervir na vida pública sen violencia, mediante a exemplaridade e o ritual. Foi máis valente simbolicamente do que eficaz estruturalmente. E esa valentía simbólica é precisamente o que explica que aínda falemos del e sigamos a celebralo", conclúe Xoán Costa.