Un revolucionario galego do Banquete de Conxo aos camisas vermellas de Garibaldi

A rebeldía útil de Leonardo Sánchez Deus

A de Sánchez Deus é unha das biografías máis apaixonantes do século XIX galego. Protonacionalista e republicano na Galiza do Banquete de Conxo, internacionalista e socialista na Italia do Rexurdimento, exemplifica o revolucionario total e informa das correntes ideolóxicas de fondo presentes no círculo de Rosalía e Murguía.

 

Garibaldi_
photo_camera Garibaldi canda as milicias dos camisas vermellas durante a batalla de Mentana (Roma) contra os exércitos do papado. Obra anónima.

Sánchez Deus nace en Compostela o 6 de setembro de 1832. Fillo de María Deus Mato e de Francisco Sánchez Rivadulla, a quen Murguía atribúe unha significada militancia liberal e de oposición ao absolutismo, cursa estudos na universidade da súa cidade natal, significándose polas súas boas cualificacións e as súas boas actitudes para o latín. Neste época inicia a súa toma de conciencia política, facendo parte da segunda xeración protonacionalista, a mesma de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, disposta a recuperar o proxecto ideolóxico derrotado en 1846 en Carral.

O Banquete de Conxo

A súa participación no Banquete de Conxo (Santiago, marzo de 1856) semella fóra de toda dúbida. A este respecto, o xornalista, Alfredo Vicenti, nunha crónica asinada en agosto de 1895 no xornal El Globo, en lembranza do xurista e dirixente republicano, Juan Manuel Paz Novoa, escribiu: "reuníronse en Conxo -pobo inmediato a Santiago 200 estudantes e pouco máis de 100 artesáns-, co obxecto de celebrar un gran banquete democrático que deixase patente as ideas republicanas da inmensa maioría de escolares e do pobo Compostelán".

Vicenti, antigo republicano federal pero na altura incorporado ás filas do Partido Liberal, continúa o artigo lembrando que "alí estaba Salustio Alvarado, Pondal, Aguirre, Rodríguez Seoane" e "tamén tomaba parte moi principal na festa  Leonardo Sánchez Deus, un dos promotores do banquete, máis tarde esforzado loitador pola unidade italiana e axudante de campo do xeneral Amenzaba e xa entón amigo cariñoso de Paz Novoa, e do decano da democracia santiaguesa Pepe Servino".

A peza de Vicenti, escrita coa maior parte dos protagonistas dos feitos vivos, dá conta do desenvolvemento do acto e do papel no mesmo de Sánchez Deus, afirmando que "naquel banquete luciron, en brindes fogosos e inspiradísimos, todas as galas da súa imaxinación e tesouros da súa elocuencia Aurelio Aguirre; o lírico galego Pondal, que definiu en brillantes estrofas da arte maior o verbo novo, o verbo do porvir, cantando á democracia, á patria e á liberdade; Sánchez Deus, valente na súa improvisación humorística, enxalzando o pensamento libre; Rodríguez Seoane...".

A consecuencia da represión que se desata en Compostela tras o Banquete de Conxo, vese obrigado a fuxir a Madrid, a cuxa universidade traslada o expediente académico en abril de 1856. En xullo dese ano, fai parte do continxente que se enfronta nas rúas desa cidade ao golpe de Estado reaccionario de Leopoldo O' Donell, impulsado por Francia e Inglaterra e apoiado pola raíña Isabel de Borbón. Neses anos continúa a súa militancia na ala esquerda do Partido Demócrata, participa das actividades do republicanismo e mantén as ligazóns cos círculos protonacionalistas.

A etapa italiana

A mediados de 1859 está certificada a súa presenza en Italia. Integrante da Lexión Ibérica, unha agrupación de voluntarios internacionalistas dos diferentes pobos da Península Ibérica, impulsada por Sixto Cámara e polo galego Ruiz Pons, co obxectivo de apoiar os revolucionarios italianos na súa loita de liberación nacional e, concretamente, ao proxecto defendido por Giussepe Garibaldi. Malia ao ambicioso obxectivo, finalmente recadan en Italia un grupo moi reducido de persoas, vinculadas ás posicións máis de esquerda do taboleiro político peninsular, destacando, entre todas elas, Sánchez Deus. 

O revolucionario galego participou nalgunhas das batallas máis decisivas da loita italiana, facendo parte das míticas camisas vermellas lideradas por Garibaldi. Así, sábese da súa participación en 1860 nas loitas por liberar Sicilia da tiranía da dinastía borbónica, baixo cuxo control se mantiña todo o sur de Italia, ou na mítica batalla de Aspromonte de agosto de 1862, cando un grupo de voluntarios garibaldinos enfronta o exército regular de Saboia, rematando detidos máis de 1.000 camisas vermellas nos cárceres do Piamonte.

Mantéñense aínda sen esclarecer moitos aspectos da vida Sánchez Deus , entre eles as súas viaxes ao Estado español e Portugal en outono de 1863 e na primavera de 1864, cando volveu outra vez a Santiago de Compostela. O historiador español Eduardo González Calleja explícaos no marco dunha tentativa revolucionaria apoiada por Garibaldi con centro en Porto, onde se atopaba exiliado Ruiz Pons. Segundo Calleja, o obxectivo era instaurar unha república ibérica confederal, conformada por España, Galiza, Portugal, Catalunya e Euskadi

Patriota, republicano e socialista

Soubemos de Sánchez Deus por Manuel Murguía quen retratou ideoloxicamente o compañeiro de xeración. Pola súa parte, a policía italiana definiuno como "republicano e non agocha os seus principios, aínda máis, sitúase nas posicións máis radicais  da escola socialista. En materia relixiosa é ateo".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios