"A forza viva da tradición": A Academia presenta a programación das Letras Galegas
A Real Academia Galega presentou as iniciativas nas que está a traballar co gallo da celebración do Día das Letras Galegas que lles dedica á poesía popular oral e ás mulleres que contribuíron á súa creación e transmisión.
A Real Academia Galega (RAG) presentou a súa programación para as Letras Galegas 2025 coa intención de xerar "unha conexión cos novos tempos". Este ano o 17 de maio servirá para homenaxear a figura e a actividade das cantareiras como transmisoras da cultural galega a través da música popular. Os principais actos celebraranse en municipios como Cerceda, Malpica e Muxía.
Esta segunda feira, o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, acompañado da académica Ana Boullón -promotora da candidatura das Letras Galegas 2025- e Alba López Álvarez, codirectora xunto con Damián Varela da web serie documental sobre as cantareiras que está a producir agora mesmo a institución, presentou unha programación co obxectivo de "salientar a forza viva da tradición".
O proxecto web da RAG para o público infantil volverá ofrecer este ano unha historia para divulgar entre os nenos e nenas que é o que se reivindica este 17 de maio. Desta volta a autora do texto de Primavera das Letras é Paula Carballeira e as ilustracións asínaas Nuria Díaz. Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, escribiu para a ocasión As ferreñas, unha peza teatral que combina música, poesía e radio, entre outros elementos. A primeira representación terá lugar o 10 de marzo en Cerceda.
Documental e simposio
Unhas semanas despois presentarase na Rede a serie documental Se canto é porque quero, unha proposta de tres episodios, o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. "O noso obxectivo é abordar cuestións xerais vinculadas ás cantareiras e á nosa tradición oral”, explicaron os codirectores, Varela e López Álvarez.
Canto ao pleno extraordinario do 17 de maio, a RAG levarao a Malpica de Bergantiños. Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero pronunciarán as alocucións académicas dun acto aberto ao público. As súas contribucións recolleranse posteriormente no Boletín da Academia xunto aos relatorios que se presenten no simposio das Letras que, como é xa costume, se celebrará no último trimestre do ano e reunirá diferentes voces especialistas en distintos aspectos relacionados coa poesía popular oral e coas cantareiras.

