domingo 23/01/22

“O titular que gostaría ver en Sermos? Que os 5 libros máis vendidos en 2014 estaban escritos en galego”

Ermitas Valencia naceu á beira do mar de Muxía, alí onde Rosalía situou a acción da súa primeira novela, La hija del mar. Nesta entrevista fálanos de Rosalía e do proxecto Sermos Galiza.

DSC_0436
Ermitas Valencia, na súa libraría, Suevia, na Coruña.


Tamén en Muxía situou Rosalía a acción do seu poema Nosa Señora da Barca.

“Ramo de froles parece     
Muxía a das altas penas     
con tanta rosa espallada     
naquela branca ribeira”

Queda algo de rosaliano en Muxía?

Por sorte, a Muxía que percorreu Rosalía está viva. A paisaxe, o mar que en Muxía o envolve todo e a espectacular costa. E por suposto un pobo con moito xenio, orgulloso do xeito centenario de gañarse a vida no mar.

Rosalía, López Abente, Pondal, autores máximos da nosa literatura, mantiveron estreita relación con Muxía. Vén de aí a súa vocación libreira?

Gosto da idea de poder facilitar o acceso ao libro galego e portugués. Que nunha zona da Coruña na que a poboación é aínda maioritariamente galegofalante exista unha libraría na que só botando un ollo ao escaparate podes ver as novidades do libro galego penso que pode axudar a que moitas persoas que nunca mercarían un libro en galego si o fagan.

En Muxía eu medrei en galego, mais a lingua de lectura era o castelán. O primeiro libro que merco en galego durante a miña época escolar é Cantares Gallegos, pero por pura casualidade. Gañara un premio escolar de contos en galego que organizaba o Concello de Cee e tiña que gastar o premio nunha libraría local. O libro estaba editado por unha editorial española e a edición era bilingüe. Con 11 anos só sabía que aquel libro falaba de Muxía.

E aí comeza o seu achegamento á literatura galega?

Non. O meu achegamento a literatura galega non chega até a época de instituto, na Coruña. Nese momento si comezo a ler en galego e tamén coñezo por primeira vez a mofa por falar galego. Isto sigue a ocorrer nunha cidade aínda moi españolizada. A diferenza é que eu con 15 anos calaba a boca diante desta situación e agora o meu fillo de 6 anos non.

Na súa libraría tamén se vende prensa.

A oferta de prensa en galego é máis ben escasa.

Que me pode dicir sobre esta realidade?

O galego é totalmente residual na prensa diaria. Precisábase dun impulso eficaz desde as administracións públicas que permitise a súa visibilización. O futuro do idioma en todos os ámbitos depende da vontade política para a súa normalización.

Hai, observa vostede, un perfil do comprador de Sermos Galiza?

Quen habitualmente o compra é unha persoa de mediana idade con certa preocupación polo idioma e a cultura deste país. Despois hai compradores esporádicos, en xeral máis novos, que entran na libraría buscando un libro ou un disco e que tamén levan Sermos.

Dous anos xa feitos no dixital e no papel, 100 números no quiosque, como valora o proxecto Sermos Galiza?

Un proxecto necesario que temos que intentar popularizar cada vez máis.

Que medidas se lle ocorren para esa popularización necesaria?

Pois achegar o Sermos Galiza aos centros de ensino como unha ferramenta máis de traballo na aula, dado que o galego case non existe na prensa diaria galega. Ter unha sección adicada aos máis [email protected] e aos recursos en galego que vaian saíndo para elas e eles. Que os movementos sociais galegos e a información local teña máis espazo axudaría a que máis público estivese interesado nel. E por último, desde a miña experiencia dunha zona de clase traballadora da Coruña, o prezo tería que ser menor.

Finalmente, que nova lle gustaría ver na portada de Sermos Galiza?

 “Os 5 libros máis vendidos en 2014 na Galiza estaban escritos en galego”.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

“O titular que gostaría ver en Sermos? Que os 5 libros máis vendidos en 2014 estaban...
comentarios