Queres aparecer nunha capa de Sermos Galiza?

Sermos Galiza lanzará este sábado no Culturgal a campaña #Porminnonvaiquedar

Sábado 6 de Decembro. 17 horas. Entrada do Culturgal. Pazo da Cultura de Pontevedra. Ese é lugar. Esa é a hora. Queres aparecer nunha capa de Sermos Galiza?

banner
photo_camera banner

Este sábado 6 de Decembro, e tomando o Culturgal como cenario, Sermos Galiza lanza a campaña #Porminnonvaiquedar dirixida a reforzar o tecido social que envolve a este meio, o que temos denominado Comunidade Sermos.

Canto máis ampla e numerosa sexa a Comunidade Sermos, máis fortaleza terán os meios -un diario dixital, un semanario que sae todas as quintas feiras- de Sermos Galiza, un proxecto xornalístico que só alcanza sentido como proxecto social, comunitario, de base, popular.

A campaña #Porminnonvaiquedar decorrerá durante os meses de decembro e xaneiro e ten como principal albo alargar a base de asinantes do semanario Sermos Galiza, o único en lingua galega actualmente nos quiosques. A consolidación do proxecto, tamén a súa mellora e expansión, depende exclusivamente do respaldo social, do apoio de todas as persoas que consideren que Galiza precisa dun espazo de comunicación propio, en galego, e ao servizo do país. Un ollar propio, non un ollar mercenario, sobre a Galiza e sobre o mundo. Iso é o que oferece Sermos Galiza.

A campaña #Porminnonvaiquedar decorrerá durante os meses de decembro e xaneiro e ten como principal albo alargar a base de asinantes do semanario Sermos Galiza, o único en lingua galega actualmente nos quiosques

#Porminnonvaiquedar quer expresar precisamente iso, o compromiso de quen si aposta en que Galiza sexa tamén no quiosque un país normal, un pais con capacidade de expresión na súa propia lingua, un país con xornalismo galego e en galego, xornalismo independente e alternativo.

Este sábado dá comezo a campaña e faino no Culturgal, o grande escaparate da cultura galega, un encontro que se prolongará até a segunda feira 7 de decembro. E a cita é ás 17 horas. Nese momento, e na entrada do Pazo da Cultura, disponibilizaremos un photocall para que quen o queira faga parte dunha capa do Sermos Galiza. Pór a cara por este proxecto, si. Pór a cara pola nosa lingua, pór a cara polo xornalismo libre. Agardámoste!!

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios