O web consolida a súa lideranza en Facebook

Sermos fechou 2014 con máis de 5 millóns de páxinas vistas

2014 foi un ano de crecimento para a Comunidade Sermos. Máis de medio millón de usuari@s únicos e máis de 5 millóns de páxinas vistas.

Pantallazo sermos galiza

Talvez o dado máis significativo da estatística de SermosGaliza.Gal sexa o feito de que o 29,74% das novas visitas do web fosen novas, isto é, de persoas que dese xeito se incorporaron á Comunidade Sermos. Todos os dados están tirados de Google Analytics.

O tempo de visita promedio no web roldou os 11 minutos 52 segundos.

Sermos Galiza rexistou en 2014 1,7 millóns de visitas, 520 mil usuari@s únic@s e 5.143.112 páxinas vistas.

Sermos Galiza recebeu visitantes de máis de 150 países. Despois do Estado español, o Estado con máis visitas a Sermos, por segundo ano consecutivo, foi o Reino Unido, con 17.470. Estados Unidos e Portugal -con 13.977 e 11.118, respectivamente- foron o segundo e o terceiro estado en número de visitas. 

Canto aos dispositivos de acceso ao web, o 67,45 das visitas proveñen de computadores, o 24,79% de telefones móveis e o 7,76% de tabletas.

O público tipo de Sermos Galiza é un público maioritariamente mozo, entre os 18 e os 34 anos. A franxa entre os 18 e os 24 anos representa o 27,50% das visitas ao web, en tanto que a fatía entre os 25 e os 34 supoñen o 33,50%. Apartir daí as percentaxes decrecen significativamente: o 15,50%, entre os 35 e os 44; o 12,50%, entre os 45 e 54; o 5,50%, entre os 55 e os 64; e o 5,50%, entre as persoas maiores de 65 anos.

Líderes en Facebook

2014 consolidou tamén a lideranza do Sermos Galiza, entre os dixitais galegos, en Facebook, a rede social con maior número de usuari@s do planeta. 

A páxina de Sermos Galiza en Facebook fechou o ano con 11.599 aderentes, en tanto que a conta twitter do web alcanza xa as 11.987 persoas aderentes.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios