AO REDOR DO MUNDO DA GAITA

O A Fondo adéntrase na música tradicional

A música tradicional, e en especial o mundo da gaita, centra o caderno de análise do semanario Sermos esta semana, coordinado por Xaneco Tubío, da Asociación de Gaiteiros Galegos, e disponíbel aquí.

A fondo capa 380

A música tradicional galega é referente en Europa pola calidade de intérpretes e luthiers e pola vitalidade coa que un instrumento como a gaita chegou ao mundo actual. Porén, ten presenza residual no ensino regrado, conta con escaso apoio oficial e é ignorada polos circuítos da cultura oficial e das empresas mediáticas. Analizámolo no A Fondo desta semana, en parcería coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

"O ensino da música tradicional está en mans de asociacións culturais espalladas polo País ─afirma Xaneco Tubío─ e a maior parte das veces con pouca ou ningunha axuda institucional". O papel do movemento asociativo e o seu protagonismo no rexurdir da música tradicional é un dos aspectos analizado neste A Fondo. "Somos os continuadores do esforzo de moitísima xente no noso País, que durante séculos levan traballando arreo por manter vivo o inmenso legado que forma parte da nosa música tradicional", destácase no artigo que repasa o cuarto de século que, en 2014, celebrou a Asociación de Gaiteiros Galegos.

Nas marxes do ensino regrado

"Da viveza da música tradicional dá conta o rexurdir do baile como espazo de relación, coa volta de seráns, fiadas, ruadas e foliadas"

O caderniño abonda na situación da música tradicional galega no ensino oficial, tanto na educación obrigatoria coma nos conservatorios. "A música tradicional galega posúe un potencial educativo moi destacado en relación á aprendizaxe activa e ás relacións co contexto", destaca Pilar Gonçalves, mestra de educación musical no CEIP Seara, en Moaña. Para Xosé Miguélez, a primeira persoa cunha titulación oficial en gaita, e mestre de música tradicional no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, as principais dificultades no ensino da música tradicional radican na perda da súa función social: "Pasa de ser unha música feita para as relacións sociais, a unha música escénica ou de recreación folclorista", explica.

A volta das foliadas

O A Fondo conta tamén coa participación do investigador Pablo Carpintero, que repasa a historia de, cando menos 2.000 anos, da gaita de fol en Galiza. "A gaita foi, dende tempos inmemoriais, o instrumento musical do pobo por excelencia, capaz de adaptarse aos diferentes cambios na sú a contorna con absoluta flexibilidade".

Da viveza da música tradicional dá conta o rexurdir do baile como espazo de relación, coa volta de seráns, fiadas, ruadas e foliadas, nas que a xente se reúne para pasalo ben botando uns puntos. Luís Prego, mestre de baile e de música tradicional, repasa a actualidade do  baile tradicional, onde se mesturan grupos de corte etnográfico con compañías de baile de nova creación que acoden á mestura con outras músicas como o jazz inspiración.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios