Dionisio Pereira: "A Galiza da I Guerra mundial é un país en movemento"

O vindeiro xullo faranse os 100 anos do inicio da I Guerra Mundial, un período case descoñecido na historia galega. Con tal motivo, Sermos Galiza prepara un suplemento A Fondo monográfico, un caderno que nos descobre un país en movemento.

-Pouco se coñece da Galiza da I Guerra Mundial, non si?

-Xa o di Miguel Cabo na primeira parte do artigo que publicará neste A Fondo. Se alguén quere buscar o que aconteceu neste país na I Guerra Mundial, non o atopará. Non hai ningún manual ao respecto. Semellara que houbera unha especie de paréntese, nun contexto de mudanzas estruturais na sociedade galega. Neste A Fondo intentamos ver se houbo esa paréntese ou se, en efecto, se seguiu nese proceso de mudanzas.

-E que se pode concluír?

-Foi unha época complexa. As mudanzas continuaron exactamente igual adobiadas pola deslexitimación do réxime da restauración que deu lugar a mobilizacións sociais en todo o estado español e, na Galiza, especialmente importantes.

-Que mobilizacións conseguiron, en Galiza, repercusións importantes?

-As folgas xerais de fins do ano 1916 e de agosto de 1917 tiveron unha repercusión importantísima nas vilas e cidades galegas e nelas, dalgunha maneira, se perfila unha nova conformación do movemento operario, que pasa dunha estruturación puramente local a unha estruturación, en poucos anos, a nivel de país. A especulación cos produtos de primeira necesidade deu lugar a mobilizacións moi amplas e alianzas de todas aquelas forzas políticas que foran sistematicamente marxinadas pola restauración e que, no caso galaico, tamén inclúe como cuestión específica, o nacionalismo.

-Foi unha época importante para Galiza, aínda que descoñecida…

-Foi un período moi convulso. O contexto de mudanza xa vén de fins do século XIX e continuará até a II República. Vaise producir un tremendo desenvolvemento industrial, neste país, da industria conserveira. A partir do segundo ano da I Guerra Mundial, hai unha tremenda expansión desta industria, basicamente para subministrar alimentos aos países contendentes. Vai haber unha acumulación importante de capital a todos os niveis neste sector, e a potenciación dun sector industrial auxiliar moi dinámico.

-Que temas se van tratar neste A Fondo?

- Miguel Cabo abrirá o suplemento cun artigo de fondo no que dá as pautas do período. Uxío Breogán Diéguez vai tratar o salto cualitativo do galeguismo político de cara ao nacionalismo estruturado. Eliseo Fernández e mais eu abordamos a visión do que acontece coa identidade do mManifestación obreira na Coruñaovemento operario galego. Eliseo focalízao nun episodio que dá moito que pensar sobre a centralidade dunha parte dese movemento operario, o anarcosindicalismo: a celebración do Congreso Internacional da Paz en Ferrol, que vai ter unhas repercusións internacionais interesantes. Abordamos tamén o agrarismo, que nas dúas primeiras décadas do século XX vai conseguir, cunha gran capacidade mobilizadora, a pequena propiedade e mesmo facer que chegue até os nosos días. Por último, como fondo de toda esta reflexión, hai unha entrevista a Xoán Carmona en clave socioeconómica, onde fai un repaso ás múltiples repercusións que ten o conflito nos diferentes eidos da economía e da sociedade galega.

-Que cres que sorprenderá deste A Fondo?

-Toda esta situación dáse dentro dunha situación de deslexitimación do réxime turnista da restauración e, concretamente, da monarquía. Non sei se será aventurado formular que estamos nun tempo que, en certo sentido, ten características parecidas. Quen lea este A Fondo levará a visión dun país en movemento, con múltiples capas sociais que se mobilizan en defensa dos seus intereses e que avanzan unha visión de país.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios