'Her': unha historia de amor

É sexta feira. Após a resaca dos Óscar, eis a crítica de cinema que nos achega Andrés Castro. Unha historia de amor, pouco convencional, contada por Spike Jonze. Un filme co que reflexionar sobre o namoramento, en todas as súas fases desde unha óptica, moi persoal.

her

HER
Ano: 2013
Duración: 126 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: Spike Jonze
Guión: Spike Jonze
Fotografía: Hoyte Van Hoytema
Música: Arcade Fire e Owen Pallett
Reparto: Joaquin Phoenix, Amy Adams, Rooney Mara, Olivia Wilde, Chris Pratt, Scarlett Johansson

SINOPSE
Theodore (Joaquin Phoenix), un home solitario que traballa para unha web que fai cartas personalizadas para outras persoas, está en proceso de separación. Un día merca un novo sistema operativo baseado nun novidoso proxecto de Intelixencia Artificial. No momento que elixe a configuración de voz feminina para o control oral, Samantha (Scarlett Johansson), xurde en el unha sensación que non sentía desde hai moito tempo.

CRÍTICA
Pódese dicir case calquera cousa sobre Spike Jonze menos que deixa indiferente. Desde as súas primeiras colaboracións “co toque” Charlie Kaufman (Como ser John Malkovich e Adaptation) pasando pola súa peculiar visión do libro de Maurice Sendak Onde viven os monstros ata o “voo en solitario” coa orixinal I’m Here, estamos ante un director que, con Her, confirma ter unha sensibilidade e estilo que entra na liga dos Wes Anderson e Michel Gondry. Her describe un mundo futurista, non moi afastado do actual, no que todos os aparellos da vida diaria son manexados por voz. Theodore (Joaquín Phoenix) un home que traballa nunha empresa online que se dedica a facer cartas a man en nome de outras persoas, está a piques de divorciarse. Ante a soidade e a falta de habilidades sociais, dedica o seu tempo a frecuentar salas de chat. Un día decide instalar un novo sistema operativo na súa casa para xestionar todos os trebellos. Pronto descubre que non é un sistema operativo ao uso. A voz (feminina) soa igual tal que se falara cunha persoa real e por riba, ten unha intelixencia artificial que lle permite aprender e evolucionar. 

Esa voz é a de Scarlett Johansson (na versión orixinal). A maioría das películas, aparte de poderse ver traducidas, terían que estar dispoñibles en versión orixinal nas salas de proxección. Esta é un claro exemplo. De feito a voz de Scarlett Johansson, entre sensual e voz rota, é tan impresionante que estivo proposta para ser candidata á Mellor Actriz en diversos Premios e Festivais, pero non puido ser porque nas normas impoñen (de momento) que o candidato ten que aparecer fisicamente en pantalla un mínimo de tempo. Joaquín Phoenix tamén está abraiante. Practicamente a metade da película está falando el só cunha máquina que nin sequera se ve, e facer que iso sexa interesante, incluso entretida, e lograr manter a atención, ten moito mérito. Phoenix non foi nomeado aos recentes Óscar, pero o merecía incluso máis que o gañador deste ano Mathew McConaughey. Parece que se non hai un cambio físico radical ou se afean, os actores e actrices americanos non teñen nada que facer nestes premios. 

"non se trata dunha película futurista é unha mera escusa para falar da soidade, das relacións e, sobre todo, do amor, en todas as súas fases"

Pero non todo é Phoenix falando cunha Johansson en off senón que tamén destaca Amy Adams, que está xenial coma sempre, e que da o contrapunto necesario á personaxe de Theodore. O filme nos traslada a unha sociedade futurista onde cada quen camiña pola rúa falando con persoas (ou sistemas operativos) que non están ao seu carón. Sóavos? … Pero non se trata dunha película futurista o que fale dos males da tecnoloxía, senón que é unha mera escusa para falar da soidade, das relacións e, sobre todo, do amor, en todas as súas fases. A personaxe de Theodore namórase dunha máquina, ou mellor dito, dun software. Namórase dunha voz e unha actitude, ao mesmo tempo que o sistema operativo (ela) namórase dun home que lle ensina cousas que ela non é capaz de aprender por si mesma ao carecer de corpo. Incluso aprende a ter ciumes. 

Iso si, uns ciumes pasados polo filtro da lóxica. Unha especie de Proteus en versión feminina, aínda que moito máis amable que aquel Proteus ideado pola mente de Dean R. Koontz e levado a pantalla por Donald Cammell no filme titulado Demon Seed de 1977. Her é unha película bonita e romántica, pero tamén un análise minucioso e filosófico sobre o proceso de namoramento e os diversos tipos de relacións desde unha perspectiva case poética.

Her é unha película bonita e romántica, pero tamén un análise minucioso e filosófico sobre o proceso de namoramento

Posúe unha sensibilidade que case pódese palpar, potenciada pola música de Arcade Fire; xunto coa fotografía Hoyte van Hoytema (Déixame entrar, The Fighter) que xoga coas cores para transmitir estados de ánimo (predominando o vermello e tons pastel en case todo o filme); e unha dirección artística contida que nos traslada a un futuro sen necesidade de grandes efectos especiais. 

Dentro do drama tamén hai grandes doses de humor: os videoxogos cos que pasa o tempo o protagonista son para escachar coa risa. Her gañou o Óscar e o Globo de Ouro ao Mellor Guión Orixinal, entre outros premios e galardóns. Unha auténtica marabilla que podemos ver na carteleira pero, e non me canso de repetilo, unha auténtica desgraza que nas salas galegas non se poida ver (tamén) en versión orixinal. En fin, haberá que esperar a que saia no videoclube para poder gozar das voz de Johnasson, aínda que tamén se pode botar man dos soportes de importación ou mirala en algunha sala fora de Galiza (ou Festival) onde si a proxecten, porque a verdade é que é unha desas películas nas que paga a pena escoitar as voces orixinais.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios