Salvamento Marítimo reflota un pesqueiro que quedou varado perto da Torre de Hércules, na Coruña
08 de agosto de 2023 (10:21 h.)
Salvamento Marítimo reflotou esta madrugada un pesqueiro que quedou varado perto da Torre de Hércules, na Coruña, segundo informaron fontes deste departamento á axencia Europa Press. O aviso deuno outro barco, o Novo Cazador, contra as 3h da madrugada, e explicaba que unha embarcación, o Pombo Seis, estaba varada na costa coruñesa, nunha zona próxima ao faro. Desde o Centro de Salvamento Marítimo, mobilizouse a Salvamar Betelgeuse, que se encargou de reflotalo e escoltalo até o porto coruñés, dado que o pesqueiro aínda podía navegar. No barco que se produciu o incidente había oito tripulantes e o operativo deuse por finalizado ao fío das 5h, precisaron desde Salvamento.