Mondra: "Este novo disco nace da idea de dicir: teño 24 anos, deixádeme vivir!"
—Os teus inicios están ligados ás asociacións de música e de baile tradicional. Que lle dirías a alguén que quere comezar?
Diríalle que é a cousa máis divertida do mundo. Tocar a pandeireta, cantar as nosas cantigas e bailar o noso baile é o xeito máis noso de facer música. Tamén lle diría que non deixe a pandeireta ou os puntos dentro das catro paredes dun aula. As aulas teñen que servir para coller as pandeiretas con orgullo nun día de festa na casa, nun bar...
—Falando dese Martín que comezaba, imaxinabas todo o que ía vir despois?
Foi todo moi rápido. Por suposto proxectas con ambición e ilusión, pero nunca o imaxinas. Despois de case 3 anos o único que queda é a consciencia de que é un privilexio dedicarse a isto e o agradecemento absoluto a todas as persoas coas que compartimos este proxecto e a toda a xente que escoita as cancións e vén aos concertos.
—Cambiaches moito desde que comezaches?
Creo que non. Supoño que a aprendizaxe e a experiencia fóronme mudando, é certo que te cambia este oficio. Dáche cousas moi boas e despois xérache certos medos e inseguridades. Cámbiache un pouco a forma de vivir o día a día, perdes intimidade... pero é un privilexio poder dedicarse á música.
—Que é o que máis lle gustaría do teu proxecto ao Martín adolescente?
Ser quen de afrontar a visión que quero ter, de realmente dicir o que quero dicir. Esa valentía que fai falta para subirse a un escenario.
—De ronda é un proxecto moi conceptual. Como nace?
De Ronda nace estritamente do estudo de gravación e do concepto de facer cancións contemporáneas con elementos doutro tempo. Algo minimalista, cos elementos xustos para contar, cantar e tocar o que queríamos. Por suposto, da man de Hevi, que é o produtor do disco co que fixemos algo moi en conxunto, que é como eu entendo a música, compartida. É dous meses despois que comeza a aparecer o posible relato da ronda, esta idea tan nosa, tan vencellada a tradición oral, de ligar, de relacionarse con segundas persoas... Algúns temas máis irreverentes, máis desenfadados, máis de celebración, máis de desinhibición e outros máis amargos, máis íntimos, máis persoais...
—Precisamente de Ronda polos bares de Compostela fixestes a preestrea do disco. Que tal?
Foi unha idea que nos veu á cabeza e que máis acaída non podía ser. É moi bonita esta parte de, cando o proxecto xa está, comunicalo, chegar á xente dun xeito orgánico e humano para non sentir que estás exclusivamente vendendo un produto e creo que foi chulísimo. Anunciámolo pouquiñas horas antes para que viñera pouca xente e fose algo especial, íntimo. Pasounos de todo, como na propia ronda da vida, marchou a luz, tivemos que escoitar cancións na rúa, comemos caldo, bailamos, fixemos foliada...
—O disco anterior tivo moi boa acollida. Neste mudas a sonoridade, dáche vertixe o cambio?
Deume medo cando estaba no inicio do proceso, pero no momento no que te identificas con algo, ou sentes que é o lugar axeitado, non hai cousa máis agradecida. Este é xusto o lugar onde quero estar neste momento. Eu sei que o meu próximo disco será moi diferente, pero este fíxeno primeiro para min e despois, por suposto, para a xente.
—Nas túas cancións falas de todo. Como mantés a intimidade?
Diferenciando entre Martín e Mondra. É un proceso de asimilación, de entender como relacionarte, de como a xente se relaciona contigo... Por suposto, molesta moitísimo cando queres ter o teu momento ou pasar desapercibido, pero enténdese como parte do traballo. Todo é un proceso. Nas cancións, o relato da ronda axudoume a construír unha ficción a través de sensacións que puiden ter. Aquí conviven a realidade e a ficción e queda á imaxinación de cada quen que é cada cousa.
—Imos desfacer prexuízos, hai algo que a xente adoita pensar de ti que non sexa certo?
Hai xente que pensa que son extremadamente extravertido e para nada, cústame relacionarme nos grupos. É moi fácil pensar que o que se ve artisticamente ten moito que ver coa persoa ou é exclusivamente iso. Pero non me preocupa, o que me importa é o que pensa a xente que realmente me coñece. Con todo, con este disco que é tan humano quero que realmente se me vexa a min, pero tamén tomar decisións de ata que punto me mostro.
—Como son as viaxes entre bolo e bolo?
A xente pensa que é a parte máis dura do traballo, ir dun sitio para outro, un día detrás doutro, pero é moito máis duro todo o que non se ve. Pasar 12 horas nun estudio de gravación, os ensaios, construír o que a xente ve sobre o escenario, etc.
Subir coas túas amigas a unha furgoneta e gozar do que traballaches durante tanto tempo... iso é marabilloso! Obviamente hai que estar o que hai que estar, moi concentradas, os coidados entre concerto e concerto son moi exixentes... pero paga a pena.
—Algunha anécdota da xira anterior que nos poidas contar?
Moitísimas, foron máis de 40 concertos. Foi moi especial cando fomos a Cataluña e tatuámonos todas A Ruare en diferentes partes do corpo porque a xira estaba rematando e levábamos moitas emocións enriba. As despedidas son moi duras. Son moitas emocións, moitos bolos compartidos... O final da xira foi emocionalmente moi intenso. Lembro en Rianxo, no Rock in Rian, no camerino chorando coa equipa de danza, lembro algúns concertos con moitísima emoción, no Son Rías Baixas a 40 graos ás 7 da tarde, pero non importaba nada porque era todo enerxía. Lembro con moita emoción o Festigal en Compostela, que houbo un faio técnico gordísimo e as Brassica Rapa non deron microfonado a tempo... Chegar ao San Froilán en Lugo, cansísimas, e facer un dos concertos máis especiais da xira. Ao final, cando o público está conectado, sentes que dá igual o estado no que esteas ti, que consegues dar o mellor que tes.
—Se tiveras que recomendarlle unha canción túa a alguén que non te coñece, por onde lle dirías que empezara?
Todo o mundo fala de dous tipos de cancións de Mondra, as máis baladas e persoais e a parte máis irreverente. Eu recomendaría comezar por cancións como Quererse Ben, Púxenme guapo, Se queres... Son cancións moi miñas, nas que sinto máis a Martín que a Mondra.
—E se puideramos meternos na túa cabeza antes dun concerto, que veríamos?
Nervios e concentración. Sempre quecendo e pensando na enerxía, que é o máis importante. Dá igual como toques, como cantes. Para sentir e dar o mellor de ti hai que conectar co traballo e coa xente. E sobre todo, buscar a maneira de ser ti, de non facer algo artificioso.
—O disco son os 11 estados do corpo nunha noite de Ruada. Como es ti de festa?
Todo para fóra. De festa son moi extravertido, é algo que desfruto moito, que me desinhibe. O disco nace un pouco desa idea de dicir: "Teño 24 anos, deixádeme vivir!". De enfadarse e de facer cousas, dentro do normal, pero politicamente incorrectas.
—En que mood dirías que estás agora e que canción cres que o representa?
Diría que en Púxenme Guapo, porque é unha canción moi persoal que a primeira lectura pode parecer que te pos guapo para saír de festa, pero que en realidade fala de pórte guapo para ti mesmo. Estou así, tranquiliño, de tomarme o día para min.
—O amor propio tamén está moi presente no disco, que fas para intentar quererte máis?
Intento escoitarme, cada vez son máis consciente de cando algo está ben e cando mal. Algo que non foi moi ben neste proceso foi a carga absoluta de traballo, dende decembro entramos nunha roda de durmir seis horas e traballar, traballar, traballar. Iso non é saudábel. Aí é onde máis o noto. Ás veces a industria demanda uns tempos e ti tamén podes frear e escoitarte máis. Nada escapa, nada é demasiado rápido, ningún erro é demasiado grave. Intento confiar en min, pero si me gustaría mellorar.