Volve 'Xeración Alfa', a única revista en lingua galega para a mocidade
A mocidade galega volve ter un punto de encontro impreso e en galego: Xeración Alfa. A revista xuvenil promovida por Sermos Galiza S.A. en colaboración co Concello de Pontevedra volve a vindeira terza feira, 13 de maio, aos mellores quiosques da man de Nós Diario, sen custo adicional sobre o prezo habitual. O seguinte número publicarase o vindeiro 10 de xuño.
Xeración Alfa é un espazo que naceu en maio de 2024 para dar voz, visibilidade e protagonismo á creatividade xuvenil do país, pondo o foco nas iniciativas culturais, artísticas, deportivas e sociais impulsadas por unha nova xeración que pensa en galego, crea en galego e vive con orgullo o compromiso coa lingua e o país.
Neste novo número, o quinto, non falta espazo para a poesía popular, recoñecida este ano pola Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas e fonte de inspiración para moitas das artistas e dos artistas galegos con máis sona da actualidade.
Así, esta entrega está protagonizada por unha entrevista con Mondra, que presenta o seu segundo disco e comparte as emocións dunha nova etapa musical que agroma coa forza das raíces e a pulsión contemporánea. Ademais, Xeración Alfa proponnos unha inmersión no Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais de referencia, acompañando as rapazas do Faiado Podcast ao longo dunha xornada de gravación.
Tamén se presta atención en Xeración Alfa á canteira do deporte galego, nunha reportaxe que viaxa polos adestramentos, esforzos e ilusións de mozas e mozos que xa destacan en disciplinas como o xadrez, o atletismo, o baloncesto ou a ximnasia rítmica. Unha forma de recoñecer o talento e reivindicar espazos para que medre. Pontevedra, capital do atletismo galego e con 98 anos de historia na Sociedade Ximnástica, emerxe como epicentro desta enerxía deportiva da mocidade.
Lingua, música, moda e arte urbana
A sección Lingua Viva propón unha homenaxe ás Letras Galegas a través da música tradicional e da súa fusión con novas formas. Grupos como Caamaño e Ameixeiras, creadoras de contido como Joel Padín, pandeireteiras como SonSandrinha ou cantareiras como Ferriñas Bravas reflexionan sobre como as redes sociais, as asociacións culturais e a paixón pola música de raíz se cruzan hoxe para dar lugar a unha música que é identidade e vangarda á vez.
A moda tamén ten espazo en Xeración Alfa, que reivindica a artesanía, a sustentabilidade e o talento de deseñadoras e deseñadores que apostan por proxectos locais e conscientes. Falamos con Lola Armesto, Lucía Viaño, Antonio Soto e Lucía Janeiro, e pomos o foco en Pontevedra como capital da moda circular, coa súa feira de moda de segunda man, a "Feira Vintage Boa Vida. Roua ao peso", que decorreu o pasado 3 de maio.
O número fecha cunha entrevista a Lidia Cao, muralista compostelá recoñecida internacionalmente, que nos achega unha forma diferente de conectar coa arte urbana e coa mensaxe a través da pintura. Unha oportunidade para reflexionar sobre o lugar da arte nas rúas e nas vidas da mocidade.
Non faltan nesta entrega os pasatempos de Xoán Costa, a axenda cultural –con citas destacadas como o festival de banda deseñada do Garaxe Hermético ou o festival de artes performativas de Compostela–, e as recomendacións culturais de Belén Puime, directora da webserie Pringadas.