Bruno Arias: "A mocidade non ten detrás grandes produtoras e precisa que se aposte por ela"

O cineasta Bruno Arias. (Foto: Xeración Alfa)
Bruno Arias é o director revelación do cinema galego. Con só 25 anos debutou co filme 'Os espazos en branco', premiado cun Mestre Mateo. 'Xeración Alfa' conversa con Arias sobre mocidade e audiovisual.

—Cando comezou o teu amor polo cine?
Descubrín que me gustaba o cine cando xa estaba na facultade, entrei na carreira de rebote. Ao comezo quería facer Arquitectura, pero despois decidín que quería estudar Deseño Gráfico ou algo semellante. Os ciclos que vira parecíanme caros, entón decidín meterme en calquera grao, preferibelmente en Compostela porque viñan os meus amigos. Entrei en Comunicación Audiovisual e descubrín que me gustaba o cine máis do que cría. Sempre me gustara editar vídeos na miña casa pero non sabía que me gustaba tanto o cinema.

—Que representa para ti gañar un Mestre Mateo cun documental que indaga na figura da túa tía Xela Arias?
Gañar un Mestre Mateo con esta longametraxe é unha tolería que aínda non asimilei, xa non tanto porque sexa unha produción tan persoal e tan íntima, que iso aínda por riba fai que todo sexa máis bonito, senón porque é algo que fixemos nada máis saír da facultade. De feito, había unha parte do equipo que aínda non rematara o grao.

Cando nos nomearon foi incríbel e cando nos deron o premio creo que se puido apreciar na miña reacción que non o cría. Máis alá do galardón, que é importante non só para a nosa película senón tamén en xeral para a nosa xeración e para toda a xente nova que está facendo cousas, recibín con moita ilusión o agarimo da xente. Había moitas persoas que querían que gañásemos e que se alegraron moito cando finalmente logramos o premio.

—Que recursos se necesitan hoxe para producir un documental?
Precísase de tempo, que case é o máis difícil de conseguir, e cartos. O cinema é unha arte colectiva e require que haxa moitas persoas traballando nel. Os proxectos máis pequenos, cando menos, requiren de unha ou de dúas persoas que estean dando a cara por esa iniciativa e para iso fai falla o tempo desa xente e recursos económicos para poder remunerar ese traballo.

Eu tiven moita sorte porque acababa de rematar a carreira e tiña un traballo que me permitía compaxinar a vida laboral con esta película. Ademais, concedéronme unha axuda. Se non fose por iso, non podería gravar o documental. A mocidade non ten detrás grandes produtoras e necesitamos que alguén se anime a apostar por nós. 

Os espazos en branco nace do proxecto A unidade componse da desorde, que recibiu a axuda de talento Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) en 2021. Que papel desempeñan as institucións no fomento de figuras revelación dentro do cine?
As axudas públicas para facer cine a día de hoxe son imprescindíbeis. É complicado que a xente da nosa xeración poida filmar longametraxes, curtas ou series web se non hai financiamento. É moi difícil dispor deses recursos económicos se non tes o aval de institucións públicas, como neste caso Agadic. Este tipo de bolsas desempeñan un papel crucial pero son insuficientes. Sinto que ás veces non se ten claro que a cultura non ten por que ser rendíbel en termos económicos para as institucións públicas. Estes organismos deberían cubrir as empresas que a iniciativa privada non cobre.

—Documentar un filme é unha tarefa ardua que implica traballar con moita información. Ás veces, as dimensións da produción obrigan a prescindir de parte dese material. Cal foi o teu criterio á hora de decidir que entraba no documental?
Foi un criterio narrativo. Nós queriamos contar unha historia e conforme pasaba o tempo iamos descubrindo como construír o relato. Durante as distintas fases de produción, foron caendo diferentes elementos até chegar á fase de montaxe, como documentos familiares e material de arquivo. Tivemos a sorte de que a razón de deixar contido atrás non foi por restricións económicas, senón porque non se axustaba ao que queriamos. É un privilexio. Moitas veces non se pode acceder a determinados arquivos ou non se poden concertar determinadas entrevistas.

—Nos últimos tempos, o cine galego gañou un gran recoñecemento fóra do país. Como ves o panorama audiovisual na Galiza?
No que ten que ver coa exportación do noso cine, estamos nun momento moi bo. Dáme a sensación de que se produciron avances e de que hai moito interese noutros territorios por coñecer o que facemos aquí. Creo que cada vez se estende máis esa percepción de que aquí temos cousas interesantes que contar e formas diferentes de ver o mundo.

Ao mesmo tempo, tampouco podemos depender diso. Teño a sensación de que estamos demasiado pendentes da recepción que ten a nosa cultura fóra das nosas fronteiras. A respecto das cousas que se están facendo, considero que a xente se está atrevendo a contar historias diferentes e a tratar temas dos que antes non se falaba.

A dimensión máis persoal de Bruno Arias

—Con que estrela da industria cinematográfica galega che gustaría traballar?
Gustaríame volver traballar con todo o equipo co que traballei nesta película, especialmente con Lidia Veiga, Sheyla Fariña e Melania Cruz, porque estivo moi ben traballar con elas e gustaríame coñecelas nun rexistro diferente.

—Que fas cando necesitas inspiración?
Ver outra xente. Dar un paseo, tomar o aire e intentar pensar noutros asuntos. Cantas máis voltas lle dou a algo que teño que sacar, peor vai.

—Como te ves en dez anos?
Non teño grandes soños. Gústame o que está pasando agora. Quero seguir traballando na montaxe, que me gusta moito, e idealmente querería probar a dirixir outros proxectos audiovisuais.

—Que queda do Bruno Arias que comezou Audiovisuais en 2016?
Pouco. Aprendín moito polo camiño, sobre todo dirixindo Os espazos en branco. Para min dirixir foi unha sorpresa. Sempre me dedicara á montaxe, de feito é onde mellor me desenvolvo, pero facer esta película, a base de ensaio e erro, permitiume descubrir os meus gustos.