O Rosal lembra as vítimas do fascismo

Un día como hoxe, 24 de agosto, pero de 1936, foi asasinado o sindicalista e alcalde da Guarda Manuel Noia, tras ser sometido a duras torturas, un crime aínda vivo na memoria das xentes do Baixo Miño. Este 27 de agosto será homenaxeado no Rosal canda outros compañeiros seus de loita, compromiso e infortunio.
Homenaxe no Rosal no pasado mes de decembro a José Cardoso, vítima do fascismo asasinado en agosto de 1936. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Homenaxe no Rosal no pasado mes de decembro a José Cardoso, vítima do fascismo asasinado en agosto de 1936. (Foto: Nós Diario)

Este 27 de agosto arrancan no Rosal os actos de lembranza ás vítimas do franquismo. Precisamente, ese día, desenvólvese ás oito do serán en Portecelo un acto en lembranza de cinco veciños da comarca asasinados no municipio do Rosal. A homenaxe, promovida polo Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, en parcería co Goberno municipal do Rosal, vai contar coas intervencións do activista da memoria Moncho Leal, do historiador Carlos Méixome e da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, así como coa actuación musical de Lara Villaverde.

O voceiro da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña e concelleiro de Participación Veciñal do Rosal, Moncho Leal, sinala a Nós Diario que "os actos deste 27 de agosto van ter continuidade até o 5 de setembro cunha exposición aberta nos baixos da Casa do Concello do Rosal sobre as persoas soterradas na foxa común do adro da igrexa de San Xián". Neste sentido, Leal lembra que "en abril de 2009 este enterramento colectivo foi escavado por un equipo de arqueólogos  do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), aparecendo na mesma varios cadáveres".

Leal destaca que "estes actos fan parte do obxectivo do Goberno do Rosal de democratizar a vida municipal". "Nós temos neste momento un programa en marcha que se chama Memoria Viva para salvagardar a memoria de diversas persoas do concello", afirma, ao tempo que considera "fundamental o apoio das institucións locais a este tipo de iniciativas porque moitas das persoas asasinadas ocuparon cargos de responsabilidade  institucional e todos, na súa totalidade, fixeron parte dun movemento amplo de transformación social".

Manuel Noia, alcalde nacionalista e libertario

Unha das persoas homenaxeadas neste acto é Manuel Noia Gil (A Guarda, 1897 - Oia, 1936). Xastre de profesión, significado sindicalista nas filas da Confederación Nacional do Traballo (CNT), militante do Partido Galeguista e alcalde republicano da Guarda, é un dos nomes de referencia da loita política e social na comarca do Baixo Miño.

Fundador canda o seu irmán, o tamén militante nacionalista e autor do libro Fuxidos, Xoán Noia, da Sociedade Obreira da Guarda, participou en 1918 das diversas folgas da vila en defensa da xornada laboral de oito, integrándose a comezos doa anos vinte, canda outros agrarios e sindicalistas, na loita contra o deputado cuneiro Mariano Ordóñez.

A vida de Noia é de loita. Así, no período  republicano detéñeno en 1933 e 1934 como dirixente da Federación Local Obreira da Guarda, integrada na CNT, sendo nomeado alcalde en marzo de 1936. A súa acción de Goberno vai destacar polo apoio á campaña do Estatuto, acudindo el mesmo en representación do Concello da Guarda á asemblea do 16 de maio de 1936, pola defensa das condicións de vida da clase traballadora, obrigando o empresariado a respectar a lexislación laboral que sistematicamente incumpría ou na mellora dos servizos básicos daqueles núcleos onde residían as clases populares.

A morte de Noia aparece recollida no libro de memorias do seu irmán. Agochado nunha casa da súa vila, é delatado por varios veciños, entre eles o cura Manuel Álvarez, é posto a disposición do comandante militar, Eduardo Rodríguez, quen o entrega a un grupo de fascistas, dirixido por José María Salgado Méndez e do que forman parte, entre outros, Miguel Saéz, Severo Sobrino e Anselmo Fernández, quen o torturan, mutilan e asasínano o 24 de agosto de 1936.

As foxas de San Xián

Abilio Araújo Barbosa, Manuel Prudencio del Rosario 'Manuel de Lucinda' e Manuel ou Jesús 'O palero de Laureana', son tres veciños de Gondomar asasinados en febreiro de 1937 e soterrados nunha foxa común en San Xián, no Rosal. O primeiro deles, natural de Coura, en Portugal, pai de cinco fillos e residente na Galiza desde moi novo, vai ser executado tras ser reclamado pola Garda Civil da localidade.

O segundo, orixinario de Santarém, en Portugal, sacado da súa casa pola Garda Civil na noite de 10 de febreiro, vai ser executado como Abilio ese mesmo día. A identidade definitiva de Manuel ou Jesús 'O palero de Laureana'  segue a ser un misterio, coñecéndose o seu asasinato no momento de desenterrar os cadáveres dos seus camaradas de infortunio.

Joaquín Iglesias Portela é outro demócrata soterrado noutra foxa de San Xián. Neste caso, trátase dun ebanista da Ramallasosa en Nigrán, concelleiro en diversas corporacións republicanas e asasinado o 1 de setembro de 1936.

O derradeiro agosto de Manuel Noia

Foi un agosto terríbel marcado para sempre a sangue na historia da Galiza. Un guión escrito polos militares e as clases dominantes que tornaron en terror aquela labarada de esperanza erguida polos máis. Após o golpe de Estado fascista de 1936, na Galiza o inverno comeza en agosto.

Comentarios