Guillermo Vicente de Santiago: unha homenaxe con atraso

Guillermo Vicente de Santiago, ferozmente perseguido polos fascistas, foi o derradeiro alcalde de Tui na II República.
Ofrenda floral a Guillermo Vicente, alcalde de Tui na II República (Foto: Helena Pousa).
photo_camera Ofrenda floral a Guillermo Vicente, alcalde de Tui na II República (Foto: Helena Pousa).

Esta cuarta feira, no día 1 de maio, data da morte de Guillermo Vicente de Santiago na súa casa de Pintán, en Salcidos (A Guarda, Baixo Miño), a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña e a Asociación guardesa "Xuliva" colocaron unha placa en memoria do derradeiro alcalde de Tui (Baixo Miño) na II República.

Segundo lembraron neste acto conmemorativo desde ambos os colectivos, Guillermo Vicente de Santiago foi ferozmente perseguido polos fascistas despois de entraren as tropas sublevadas en Tui, o 26 de xullo de 1936.

A pesar da intensa chuvia, moitas persoas asistiron a esta homenaxe, entre as que estaban representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria do Campo de Concentración de Camposancos (A Guarda, Baixo Miño), así como os alcaldes e outros membros das Corporacións municipais dos Concellos de Tui e da Guarda.

A placa foi colocada na entrada da casa familiar do barrio de Pintán, onde estivo agochado durante varios anos até que morreu en 1940, moi perto do alboio onde a súa muller tivo que enterralo en segredo e gardar silencio até o día da súa morte, en 1975. Guillermo Vicente Santiago de foi trasladado secretamente ao cemiterio de Salcidos no cadaleito da súa muller, polo que a día hoxe repousan os dous alí xuntos.

O seu amigo Antón Alonso Ríos

A placa foi descuberta polo seu grande amigo Antón Alonso Ríos (interpretado por Moncho Leal), quen regresou do exilio na Arxentina no ano 1979. O deputado agrarista lembrou aqueles días aciagos dos primeiros meses da represión franquista e a súa fuxida xuntos polos montes de Oia (Baixo Miño) e Tomiño (Baixo Miño), e como se separaron para sempre no curro de Torroña.

A seguir, realizouse unha ofrenda floral no cemiterio de Salcidos, onde as súas netas, Laura e Begoña, colocaron un ramo en memoria deste matrimonio vítima da represión franquista.

Comentarios