Familias de republicanos coruñeses deportados en campos nazis súmanse á querela arxentina contra o franquismo

Acompañados pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) incorporarán os seus casos á única causa penal aberta no mundo que investiga os crimes da ditadura franquista.
Leopoldo López, republicano coruñés deportado a campos nazis (Foto: ARMH).
photo_camera Leopoldo López, republicano coruñés deportado a campos nazis (Foto: ARMH).

Familiares de republicanos deportados a campos de concentración nazis sumaranse á querela arxentina contra o franquismo presentando denuncias ante o consulado arxentino na Coruña.

Acompañados pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) incorporarán os seus casos á única causa penal aberta no mundo que investiga os crimes da ditadura franquista, segundo informan.

As familias acudirán ao consulado arxentino a vindeira quinta feira, 2 de maio, e ás 16 horas reuniranse no centro Ágora da Coruña para explicar quen eran os seus familiares deportados e as razóns que propician a denuncia das súas deportacións a campos nazis, "que foran levadas a cabo por intervención directa do ditador Francisco Franco".

Na Galiza, a ARMH iniciou a incorporación por primeira vez das denuncias de deportados a campos de exterminio en 2020 para a querela arxentina. Os deportados cuxas familias van presentar denuncias son: Víctor Manuel Conde Núñez, que conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5 de maio de 1945, e Clemente Juan Da Cruz García, gaseado en Hartheim o 29 de setembro de 1941.

A eles súmanse Adrián del Castillo Soutelo, tamén gaseado en Hartheim o 24 de setembro de 1941, e Arturo García Lagares, que ingresou en Mauthausen para ser trasladado ao pouco tempo a Gusen, onde terminaron coa súa vida o 12 de xullo de 1941.

Figura tamén Juan González del Valle, nacido na Coruña no ano 1898, membro da Real Academia Galega (RAG). Foi feito prisioneiro en Angulema, ingresando o 24 de agosto de 1940 en Mauthausen, de onde sería trasladado o subcampo de Gusen e sería gaseado en Hartheim en 1941.

Ademais, están Leopoldo López Criado, que foi capturado polos alemáns en Francia e levado á prisión de Wiebelsheim. Despois foi trasladado a Mauthausen e movido novamente a Gusen, onde foi asasinado o 3 de novembro de 1941, así como Julio Martínez Arias, deportado a Mauthausen o 15 de maio de 1941, onde ao pouco tempo acabaron coa súa vida. Foi gaseado en Hartheim o 7 de setembro de 1941.

Está tamén José Martínez Cacheiro, deportado a Mauthausen o 22 de xullo de 1941. Trasladárono ao subcampo de Gusen e asasinárono o 23 de novembro de 1941 e Víctor San Miguel Prado, con cuxa vida acabaron o 10 de xaneiro de 1942.

Outros republicanos son Eduardo Sánchez García, que logrou sobrevivir até a liberación, chegando a vivir até inicios dos anos 90: Luís Rafales Lamarca, asasinado na cámara de gas en Hartheim, o 9 de setembro de 1941, e Enrique Tallón Charlón, trasladado ao subcampo de Gusen, onde o 27 de decembro de 1941 acabaron coa súa vida. Finalmente están Francisco Tallón Charlón, que conseguiu sobrevivir, e Manuel Fernández Tárrago, que, tras pasar por varios campos de concentración, foi liberado polas tropas aliadas.

Comentarios