Relación completa do espolio bibliográfico da editorial Nós
O pronome 'nós' non é unha palabra calquera na nosa lingua. Primeiro foi o título dun álbum de debuxos de Castelao, despois o da senlleira revista que nomea a xeración máis importante da primeira metade do século XX. Dela tomou un dos seus membros, a quen hoxe honramos, o nome para a editora que máis fixo polas nosas letras antes da Guerra.
Contaba Pousa Antelo que de mozo ía ás feiras vender libros da Editorial Nós. O beneficio era escaso e poucos os compradores. Facíao porque llo pedía Casal, un home que confiou sempre na empresa, na heroica empresa, da palabra impresa na nosa lingua. Cando lle preguntaron que faría se Nós quebrase, respondeu que compraría un burro e iría polos camiños vender libros. Estes son os que quedaban cando o asasinaron.