Comezan as residencias de artes do movemento 'Atopémonos bailando'

Javier Martín estreou en Santiago o seu espectáculo 'O punto impropio'
'O punto impropio', de Javier Martín
photo_camera 'O punto impropio', de Javier Martín

Oito compañías e artistas forman parte do programa Atopémonos Bailando, dirixido á creación de danza e artes do movemento da Galiza, resto do Estado, Portugal e Costa Rica. A terceira edición desta iniciativa, que ten lugar no Museo de Interpretación da Historia de Lugo (MIHL), comeza este sábado, coa finalidade de fomentar a conexión do público coa danza.

Concorda é o título da primeira das tres actividades de mediación. O obradoiro deste 4 de maio está conducido por Caterina Gameiro e Mariana Frazão e dirixido a todas as persoas con curiosidade polo mundo da danza. A segunda actividade será o 8 de xuño, tamén no MIHL de Lugo, baixo o título Vesperi Lux da man de Miguel Gendre e Juanma Lodo, na liña de fomentar audiencias para a danza e as artes do movemento. As actividades rematarán o 13 de agosto co obradoiro Principio de incertidume, impartido por Marina Melero.

O Colectivo Glovo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira, organiza o programa Atopémonos Bailando, que selecciona 8 compañías e artistas para outras tantas residencias de creación e investigación cunha estadía de entre 5 e 10 días. Tres delas participan en intercambio con outros programas en Costa Rica e Portugal.

Estrea de Javier Martín

Por outro lado, o bailarín e coreógrafo Javier Martín estreou esta sexta feira no Teatro Principal de Compostela, despois do seu paso por México, O punto impropio,  un espectáculo que, segundo o autor, "elabora movemento, son e imaxe en tempo real: unha sorte de rexistro e composición auditiva, somática e visual que activa e resignifica a coreografía".

Comentarios