O espectáculo 'Tabú' abre o ciclo Primavera en Danza

Carballo programa cinco espectáculos na edición deste ano. 
'Tabú' de Colectivo Glovo poderase ver hoxe en Carballo.
photo_camera 'Tabú' de Colectivo Glovo poderase ver hoxe en Carballo.

Hoxe comeza en Carballo a vixésimo primeira edición de Primavera en Danza, que se estenderá até o vindeiro 29 de abril. Primavera en Danza é unha cita anual que aposta por achegarse á danza contemporánea, unha manifestación artística cuxa escasa presenza nos escenarios galegos non se corresponde coa súa alta capacidade de creación e innovación e repercusión das artes escénicas actuais. 

O espectáculo que inaugura o encontro é Tabú de Colectivo Glovo, unha peza creada por Esther Latorre e Hugo Pereira, que tamén comparten escena con Clara Ferrão, Sybila Gutiérrez e Fran Martínez.

Tabú parte da fotografía que os integrantes do colectivo encontraron un día de agosto de 2020 no centro de Allariz, no cruzamento entre as rúas da Cruz e Fonteiriña. “Datada no 1925, nela vese un conxunto de mulleres, vestidas coas camisolas de dous equipos de fútbol: o Arnoya de Allariz e o Celanova, con actitude desafiante e seria, e recollidos estilo Belle Époque, baixo o título ‘Equipo de fútbol feminino no vello campo de Vilanova’”, contan Esther e Hugo. 

A fotografía, das primeiras dun equipo de fútbol feminino e pertencente ao Arquivo Municipal de Allariz, fixo que se preguntasen quen eran esas doce mulleres, que fora delas ou que sucedera nese partido. Tabú naceu para buscar as respostas, nunha viaxe sen retorno a través da danza na vida destas pioneiras.

Próximos espectáculos

Laboratorio Escénico, representará, o día 15, Blues de medianoite, a chamada da terra que pon en valor as grandes mulleres do blues e a riqueza rítmica que vén directamente de África.

El hijo de Daniel Abreu, o día 22, fala da representación dun home na natureza: a súa chegada, a maxia do nacemento, as pantasmas da infancia, o desenvolvemento ligado ao primario e á cultura e, a partir de aí, ao que conforma o seu camiño. 

 de Elahood, o día 28, convida o público nunha viaxe onírica, estirando e deformando o significado do que é importante. Baixo un filtro de ironía e fantasía, a compañía deixa ver pegadas do debate actual que atende a deconstrución de xénero e a conciencia de clase. 

Finalmente, Bionic de Entremans, na xornada do 29, reflexiona sobre como a tecnoloxía nos invita a mellorar as nosas vidas sen crebar a capacidade humana de sentir.

Comentarios