VÍDEO | "Cantiga de desamor", novo tema de Fuxan os Ventos

Unha cantiga con letra da poeta Marica Campo —colaboradora habitual do grupo—, e música de Xoán Fuertes.

En palabras da propia autora, “nesta cantiga a persoa abandonada expresa o propio estado de ánimo pola ausencia de quen ama. Á fin, láiase de perder o tempo nese sentimento e, mesmo sen dicilo explicitamente, renega desa concepción romántica do amor. Porén, o sentimento fica co seu pouso de amargor”.

Para a gravación deste tema Fuxan os Ventos contou coa colaboración do músico xaponés Shun Yonemura na interpretación das ocarinas, e do contrabaixista Simón García; e para ilustrar esta “Cantiga de desamor” a colaboración da artista Sonia García (xoubacromatica).

“Queremos dedicar este tema á memoria de Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo. Nos últimos tempos, e por mor do agasallo e recoñecemento que a veciñanza de Lugo nos fixo de pór o nome de Fuxan os Ventos ao novo Auditorio, tivemos a oportunidade de coñecela, compartir momentos agradábeis, escoitarlle palabras agarimosas e sempre amábeis de recoñecemento sincero ao grupo. O seu nome quedará para sempre unido ao de Fuxan os Ventos”, declaran desde o grupo.