Opinión

Visita colonial de Obama e líderes indíxenas

A visita de Barack Obama foi basicamente simbólica. O emperador transmitiu unha mensaxe facilmente decodificábel: a ollos dos EUA, o Estado español é antes que outra cousa un protectorado militar norteamericano. Estivo nas bases militares de Torrejón e Rota. Na primeira viuse cos líderes da oposición. Everything under control. Segundo leu nos memorandos que lle forneceron os servizos de intelixencia, nos 70 a esquerda española (PSOE/PCE) era formalmente anti-NATO e demandaba a saída das bases norteamericanas. Estas décadas non aconteceron en van: o PSOE xa ten no seu currículo un ex secretario xeral da alianza militar liderada por Washington (Javier Solana) e a nova esquerda de Podemos non só non cuestiona a NATO, senón que se gaba de ter como responsábel de defensa a un ex xefe do Estado maior que participou dilixentemente nos bombardeamentos a Libia. Outra cousa non, mais a esquerda española si que se modernizou cos anos!

Esa condición de protectorado militar norteamericano non a pon en cuestión ningún dirixente relevante do establishment español, Rivera, Iglesias, Schez e Rajoy son niso un único home. Fica o inefábel Garzón, que xa se sabe que é capaz de estar nun sitio (PCE) e no contrario (socialdemocracia) todas as veces que faga falta, que para iso é un devoto da unidade popular, faltaría máis.

Obama non veu só a render tributo ás súas tropas en solo español. Tamén veu facer política. Implicitamente apoiou a continuidade de Rajoy ao referendar a mensaxe de que cómpre un goberno español estábel, a mercadoría que máis lle interesa agora vender ao PP. Certo é que deslizou algunha crítica ao crecimento das desigualdades sociais, mais iso é unha xanela para as concesións que o PP terá de facer a un PSOE sen cuxa abstención nos iríamos de cabeza a unhas terceiras eleccións. Así que todos contentes.

Esa condición de protectorado militar norteamericano non a pon en cuestión ningún dirixente relevante do establishment español

Iglesias continuou a súa xeira de home dadivoso. Cada vez que ten perante si un home con poder faille un agasallo, unha serie, un libro, é un tipo detallista, os rupturistas do século XXI sonvos así, se teñen que tomar algo por asalto toman unha libraría. Desta volta o presente foi un volume sobre a brigada Lincoln. Entregoullo a Barack Hussein con dedicatoria manuscrita incluída, en homenaxe ao pobo estadounidense polo seu contributo á República. Podería tamén ter escrito que, en troca, non era digno de homenaxe, senón de oprobio, a conduta da Administración Eisenhower, factor fundamental da consolidación da ditadura franquista coa súa viaxe de 1953 a Madrid, con algúns ecos desta de agora de Obama: todo atado e ben atado.

Liscou tranquilo Obama da provincia española do seu vasto imperio. Non se viu coa auténtica oposición: os revoltosos cataláns que -desde o govern- teiman na construción dun Estado propio, a dor de cabeza real das elites españolas, o único escenario de ruptura co réxime do 78. Mágoa: tería tido a oportunidade de saber de primeiro mao por que o partido da pequena e mediana burguesía catalá CDC decidira rebaptizarse co nome precisamente de Partit Demòcrata, xusto a marca coa que o emperador e os seus concorren ás eleccións.

Comentarios