Opinión

Sen mobilización nen hai nación nen hai nada

A política real, a vella, a nova, faise con maiorías sociais na rúa a apoiaren determinados proxectos. Mesmo a protagonizalos. Na historia non se coñece nengún proceso de transformación -nen mesmo de reforma real- que non sexa directamente impulsado polas masas -e aquí utilizo a palabra consciente e deliberadamente, sorry-. Iso é así e, como iso é así, non deixa de ser unha magnífica noticia que o nacionalismo galego non só continúe a ter capacidade de convocatoria, senón que mesmo a incremente, como acaba de mostrar co impresionante despregamento de forzas na súa multitudinaria manifestación deste Día da Patria Galega. Por dicelo rápido, canto máis pobo envolvido, mellor, se o que se desexa é o avanzo das causas colectivas.

Non acabo de entender, en troca, a dinámica do outro axente da esquerda na Galiza que non é xeneticamente sistémico. Digo a dinámica de atomización, de divisionismo, e de afastamento das rúas, que caracteriza o funcionamento actual de En Marea. Afastamento das rúas, val dicer, afastamento das masas (ou mesmo das minorías politizadas, como se viu na escuálida asistencia ao seu último plenario). Nun día como este 25X non valen actos de formato pequeno cando se está, día si e día tamén, a invocar o pobo (unidade popular) como axente de ruptura. Nen vale tampouco reducir a participación dese suxeito a un mero exercicio de premer unha tecla, o golpe de clic, no enésimo exercicio telemático.

Sen mobilización nen hai nación nen hai República nen hai nada de nada. A mobilización é conditio sine qua non. Outra cousa é que con ela soa non basta. Hai que facer algo máis. Ou moitas cousas máis. No novo BNG acho que son plenamente conscientes diso. Andaremos e veremos como se comportan uns e outros no novo curso porque, amigas e amigos, o vello -o curso, digo- acaba sempre cando cae o pano no Día da Patria Galega. The End.

Comentarios