Opinión

'La Falange' está ao mando

Hai que agradecerlle a Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP, a súa prístina claridade. É mellor que os eufemismos fiquen no faiado e que a xente diga o que realmente pensa. O que pensa este destacado dirixente do partido que goberna o Estado, o partido que ten 47 por cento do voto na Galiza é isto: non hai nada que negociar; os independentistas son uns golpistas, ergo, hai que ilegalizar os partidos que defenden a independencia; o referendo é pouco máis ou menos un acto terrorista; o que se viviu en Barcelona este domingo é unha evocación do Espírito de Ermua; o nacionalismo [1 de cada 2 votos en Catalunya nas últimas eleccións ao Parlament] é a ideoloxía máis sinistra que tivo a humanidade.

Isto é o que goberna España. Un partido-movimento que engloba todas as familias da direita española. Todas. Sen excepción. Cando ás veces alguén pergunta por que non hai ningún partido de ultradireita no Estado a resposta é doada: porque está integrado no Partido Popular.  E esa facción -a que bebe nas fontes do pensamento de José Antonio Primo de Rivera, esa concepción esencialista de España como un ente eterno, patria común e indivisíbel de los españoles- é a que está ao mando.

Non quer negociar. Non quer transferir nada. Non quer ningunha mediación. Só quer a rendición e humillación do adversario. Puigdemont ten agora a palabra.

Comentarios