Opinión

IU fagocitada

Nen sequer aparecen unidos na apresentación da campaña para as xerais do 26X. Podemos optou esta quinta feira por a apresentar en solitario. Ha de ser que para pór en práctica o lema co que concorren o 26X -O sorriso dun país- se senten máis descontraídos se non hai xente de IU -os pitufos rosmóns, lembran?- nos arredores. Os de Podemos, para sorrir, teñen de se sentir hexemónicos. Conciben a unidade non como un encontro entre iguais, senón como subordinación dos satélites (IU, as confluencias, entre elas a Marea) ao planeta morado.

Os de Podemos, para sorrir, teñen de se sentir hexemónicos. Conciben a unidade non como un encontro entre iguais, senón como subordinación dos satélites ao planeta morado

Que a campaña eleitoral dunha coligazón a apresente pola súa conta o dueto Iglesias-Errejón, coa compaña silente de Bescana-Montero, demostra ás claras que o único que lle interesa a Podemos de Izquierda Unida son os seus votos -e os seus cadros sempre que como Alberto Garzón, número 5 por Madrid, aceiten o papel de comparsas nas súas listas eleitorais. E para que lle son úteis os votos de IU a Podemos?? Non tanto para gañar as eleicións -a alianza con IU reforza o perfil da coligazón como forza esquerdista e, portanto, a afasta dos caladoiros centristas sen os cais ser a marca máis votada é nesta altura imposíbel-, senón para materializar o obxetivo real dos politólogos da Complutense neste momento histórico: desprazar o PSOE e ocupar o seu trono como monarca da socialdemocracia española. Non debe admirar que nesta viaxe os acompañen os renovadores de IU, pois este -o de se entronizar como primeira forza socialdemócrata española- foi sempre o target real do sector máis á direita da organización nucleada polo PCE.

Así que chámanlle Unidos Podemos, mais na práctica é Podemos con algúns cadros invisibilizados de IU nas súas listas. Grupo Parlamentario Podemos. Chefia Pablo Iglesias. IU fica fagocitada. Primeira fase do plan consumada. Na segunda xa veremos que facer co PCE. E se o disolvemos e o convertemos nunha fundación?

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios