Opinión

Feijóo non é Urkullu

Non, non o é. Feijóo é outra cousa. É o delegado na Galiza dun partido centralizado en Madrid. O seu labor consiste en aplicar as ordes que recebe desde a metrópole e en convencer a populación indíxena de que todo vai ben. Iso é na práctica. No mundo da retórica, no que modernamente se chama o relato, Feijóo ten que finxir que é algo distinto. Daí xurdiu a súa autocualificación como "militante da Galiza". Faino Feijóo, claro, non por convicción, senón porque os outros actores políticos tamén xogan e presionan. No cosmos da post-verdade, as aparencias non só enganan, senón que son a única realidade que se manufactura a través dos mainstream media, aquela a partir da cal se pretende moldear a percepción social. Así naceu o mito do Feijóo Bon Xestor (de que? da débeda pública elefantiásica?) e así quería nacer a lenda do Feijóo Militante da Galiza.

O problema para Feijóo é que os mainstream media galegos non o controlan todo. Dito doutro xeito, hai vida fóra deles. Se o PNV consegue un acordo multimillonario para Euskadi na negociación orzamental mentres o PPdeG non consegue absolutamente nada, a noticia dunha maneira ou doutra -máis ou menos deturpada- acaba estourando na Galiza. 1.400 millóns de euros e unha tarifa eléctrica para Euskadi? Iso conseguiron os 5 escanos do PNV? Really?? Esas perguntas percorren, talvez lentamente, mais percorren, o corpo social galego. E estas outras tamén: e de que nos serven os 12 parlamentares galegos do PP na Cámara? E os outros 11, os 6 do PSdeG e os 5 da confluencia? Que conseguiron (os de En Marea nen sequer unha triste alusión a Galiza na emenda á totalidade rexistada polo chamado grupo confederal)?

O problema para Feijóo é que os mainstream media galegos non o controlan todo. Dito doutro xeito, hai vida fóra deles

Feijóo obtivo un impresionante score eleitoral nas eleccións de setembro. 41 escanos sobre 75 é un resultado que non está practicamente ao alcance de ningún político na Europa occidental. De acordo. Mais non hai poder omnímodo e Feijóo leva semanas á defensiva. Ten o espiñento asunto de Ferroatlántica aínda por resolver (con indicios cada día máis claros de o Grupo Villar Mir ser un corruptor financeiro do PP) e nunca estivo cómodo desde que Montoro enviou os orzamentos á cámara. Unha tesourada de 32 por cento é de máis até para Feijóo. Premido pola oposición, que existe, a táctica foi a de dicer que se as contas non se executan integramente (o que en termos históricos é un imposíbel metafísico e material, nunca tal cousa ten acontecido) habería que as cualificar de "decepcionantes". Pois ben, agora o asunto non está en agardar a que se executen inteiramente, que non se executarán, senón en analisar que fan os demais xogadores perante o taboleiro. E aí o amigo Urkullu acaba de lle facer xaque mate a Feijóo. Dá os seus escanos a Rajoy, si, mais non en troca de nada, senón en troca dunha mellora moi substancial das condicións do concerto económico (1.400 millóns de euros máis para Euskadi) e dunha tarifa eléctrica para a industria vasca.

Concerto económico e tarifa eléctrica. Vaites. O que Feijóo nega tan vehementemente para Galiza é o que Rajoy reforza en Euskadi!!!

E aí o amigo Urkullu acaba de lle facer xaque mate a Feijóo

Proba tan palmaria da falacia do mito do Militante da Galiza póupanos de máis comentarios. En todo caso, si é tremendo verificar que a única crítica que Feijóo fai do acordo PNV-PP pon no foco a necesidad de transparencia do concerto económico. Tremendo, porque Feijóo debería preocuparse máis ben de transparentar non a balanza fiscal vasca, que para iso xa está Urkullu, mais si a balanza fiscal galega. Se o fixese, advertiría que, como ten demostrado Xosé Díaz no libro As Contas que nos Contan (editorial Sermos Galiza), España é neste momento un mal negocio para Galiza. Débennos ben máis que os 1.400 millóns de euros que Madrid debía a Ajuria Enea, a factura pendente de pago ultrapasa no noso caso os 3 mil millóns/ano. Estude ben as contas, Sr. Feijóo, non lle faga o traballo ao Sr. Montoro, faga o seu, que para iso lle pagamos o salario as e os contribuíntes galegos.

Non, Feijóo non é Urkullu, como tampouco Galiza é Euskadi. Desvendar aquí o que se agacha tras as aparencias, destruír os mitos con que nos enganan, é unha tarefa titánica. Mais unha tarefa inescusábel se non queremos continuar a ser as últimas e os últimos da fila.

Comentarios