Opinión

España, en plan Turquía

Todo Estado ten unha natureza, unha historia e unha inercia. O Estado español é xeneticamente unha estrutura imperial. Esa é a súa condición e así o ten manifestado ao longo dos séculos. A súa incapacidade para ecuacionar en termos democráticos os conflitos políticos é unha das súas propiedades, está no seu ADN. O réxime de 1978 nunca foi nada distinto do que estamos a ver estes días, fillo dun pacto entre as elites franquistas (co Exército a ditar o contido concreto de preceitos da Constitución) e unha esquerda estatal derrotista (PSOE e PCE) que nunca acreditou na perspectiva da ruptura e que non fixo valer a forza das rúas (moi activas durante a fase final da ditadura e dos primeiros compases da post-ditadura na defensa dos direitos cívicos e, nas nacións sen estado, das liberdades nacionais).

A cabra tira ao monte e o Estado español está a axir na batalla de Catalunya como o que é. Como un imperialista fracasado. Coa mesma cegueira coa que axiu a finais do século XIX cando o fenómeno independentista en Cuba era unha maré xa imparábel. Este Estado de Excepción ou de Sitio encuberto é en realidade unha demostración da súa debilidade, da fraqueza de quen non é quen de transaccionar coas outras e cos outros para no mínimo non perder todo. España imita Turquía porque é incapaz de se comportar como Canadá ou como o Reino Unido. Ninguén pode surprenderse de que nestas circunstancias en Catalunya non sexa preciso ser independentista para apoiar a independencia.

Comentarios