Opinión

Camilo

Se a política é unha das actividades humanas que teñen máis que ver coa capacidade de representar o mundo con símbolos (e esa facultade é a que distingue os sapiens sapiens do resto das especies animais), é evidente que hai poucos icones máis potentes na política galega que Camilo Nogueira. Leva décadas a encarnar un pensamento, un ollar da Galiza como nación oprimida, unha forma de concebir a loita pola súa emancipación. Camilo é un dos poucos individuos que en por si é patrimonio nacional. Iso foi o que se viu esta sexta feira pasada no Auditorio de Compostela. Que outro político podería reunir os portavoces dos catro grupos parlamentares nunha homenaxe pública?

Entrevisteino hai poucos meses. Camilo é pura convicción, duro como unha pedra. Non partillo algunha das súas ideias -o seu Lendario Optimismo pro-Esta Unión Europea-, mais si gosto do seu aceirado compromiso e da firmeza coa que sempre defende valores e principios sen os cais este país nunca se ha de sacudir a opresión. O núcleo duro do pensamento e da acción de Camilo é o seu patriotismo, ecuacionada esta palabra sen nengunha pompa sectaria, simplesmente como un vocábulo que denota o amor por esa parte da Humanidade que é o pobo galego.

O núcleo duro do pensamento e da acción de Camilo é o seu patriotismo, ecuacionada esta palabra sen nengunha pompa sectaria

Camilo é querido por moitas e moitos que non son nacionalistas nen soberanistas galegos, de igual forma que moitas e moitos que non son nacionalistas nen soberanistas galegos lle queren ben ao nacionalismo (son as e os nosos, a equipa de casa, etc) porque sen el este país non sería o que é. O que simboliza Camilo é a loita por que ese afecto abandone o terreno da pura simpatía e se traduza en adhesión a un proxecto político. Un proxecto político nacionalista e de esquerdas, o único que ten na cabeza rachar coa dependencia e acabar coa dominación.

Comentarios