Opinión

2014, o ano das nacións

Desde España estannos chegando dous discursos.

Desde España estannos chegando dous discursos. Desde a progresía neocentrista (évos o mesmo ser de esquerdas que de direitas, seica), dísenos que 2014 é o ano da irrupción de Podemos. Desde a caverna, dísenos que 2014 é o ano do comezo da recuperación da economía, o ano en que deixamos atrás a recesión. O discurso desde as periferias nacionais, desde o que non é o centro nen xeográfico nen político, ten de ser forzosamente distinto: 2014 foi o ano das nacións, como, e permitídeme a inmodestia, proclamamos na capa do Sermos Galiza á altura do 9 de Xaneiro de 2014.

Si, foi o ano das nacións, o ano en que Escocia -legalmente- e Catalunya -fóra da legalidade española- tomaron a palabra e a decisión. O ano en que suxeitos políticos molestos para o establishment realmente existente -os Estados, a UE, entes que son a cristalización do capitalismo no espazo nos que nos movemos- ergueron a voz e expresaron con clareza os seus desexos. De soberanía e de xustiza social, que veñen ser o mesmo.

Tiña razón Anguita na teoría das dúas beiras. Hai dúas beiras. A nacionalista e a españolista (sexa esta na versión caverna sexa na versión posmoderna)

Nada voltará a ser o mesmo. Escocia abriu o camiño e Catalunya puxo a segunda pedra. Ha de vir quen tente botar auga no viño e tente esvaciar o contido do conceito “dereito a decidir”, estendéndoo ad libitum como estratexia para o devaluar. Nesas anda Podemos (e quen o dubide que pense nas esclarecedoras declaracións de Carolina Bescansa), que quer apañar en todos os caladoiros e que, inquéritos cantan, medra agora a custa do PP (e portanto, a custa de eleitorado conservador que quer iso, conservar). Mentres, o PP amaga cun pacto constitucionalista co PSOE, o abrazo do urso, para garantir a conservación do statu quo. Dúas estratexias distintas, si, mais converxentes no mesmo obxectivo: pór a unidade de España acima de tudo.

Tiña razón Anguita na teoría das dúas beiras. Hai dúas beiras. A nacionalista e a españolista (sexa esta na versión caverna sexa na versión posmoderna).

Iso foi así en 2014 e todo apunta a que continuará a ser igual en 2015. Feliz ano novo.

Comentarios