Opinión

Convivio da cultura galega

Ofrenda na campa de Manuel María, durante o Convivio da Cultura Galega
9-xullo-2022 (Outeiro de Rei)
 

Bo día,

Un ano máis acudimos ao chamamento da Casa-Museo Manuel María a participar nesta xornada lúdica e festiva do Convivio da Cultura Galega. Un ano máis aquí estamos para partillar unha celebración festiva ao redor da figura de Manuel María. Por iso, en nome de Galiza Cultura, a federación que aglutina a preto de trinta asociacións culturais de base espalladas por toda Galiza, agradecemos á Casa-Museo Manuel María (a nosa anfitrioa) o seu chamamento, a organización desta xornada e que nos teña acollido con tanta atención, amabilidade e afecto.

Si, é un día de festa, mais non por iso podemos facer abstracción do que está a pasar a nivel internacional. Vivimos nun contexto complexo, de guerra e de tensión belicista crecente por causa do cambio dun mundo unipolar, hexemonizado polos Estados Unidos, a un mundo multipolar e multicéntrico. Esta mudanza non será pacífica nin tranquila na medida en que o imperialismo norteamericano non admite nin tolera nada que estea fóra do seu control político, militar, tecnolóxico, económico e cultural. E o pobo galego non é alleo a estes movementos sísmicos. Primeiro, a Unión Europea actúa de forma submisa aos ditados ianquis, mesmo por conta dos grandes sacrificios que están a padecer as clases populares das nacións e pobos de Europa no social e no económico. E segundo, porque o Estado español quere ser modélico no seu comportamento servil aos intereses xeo-estratéxicos dos Estados Unidos.  

Por iso compre que neste día de festa, de convivio da nosa cultura, manteñamos o que é tradición na cultura galega, na cultura dun pobo que loita contra a subordinación e o dominio que padece. Lembremos o noso compromiso co «internacionalismo» e co que esta fermosa palabra representa: o recoñecemento de todas as nacións como «iguais», o respecto dos seus dereitos e identidades e a posta polos principios de solidariedade e cooperación como base das relacións entre as distintas nacións para beneficio mutuo e como medio e garantía para una convivencia pacífica. Isto é, todo o contrario ao que é e ao que representa o imperialismo, de modo que a nosa tradición constitúe, en realidade, unha tradición antiimperialista.               

E Manuel María, creador e mantedor da cultura galega, tíñao claro! Abonda con ler os seus poemas «Oda á guerra», «Proclamación de guerra» e «Proclama contra a guerra atómica». Son poemas antibelicistas e antiimperialistas. Son poemas que manteñen a súa vixencia. E son poemas a través dos cales Manuel María continúa a falarnos e a interpelarnos. Quedémonos hoxe con algúns versos da súa «Proclama contra a guerra atómica»:

Homes do átomo [e do algoritmo, engadiríamos hoxe], xornaleiros do trust
imperialista, criados dos que defenden
a segregación racial e escriben
con maiúscula –que tráxica ironía!–
as verbas liberdade e democracia.
... ... ...
Non levades chantados no corazón
como coitelos os berros de arrepío
de tantísimos milleiros de inocentes
que vós sacrificastes no nome
da liberdade, da democracia,
diso que se chama cultura occidental?

Non vos cansades de servir a homes
que só teiman no imperialismo
e que cobren as súas intencións
con verbas fermosas, puras e inocentes
como son liberdade, fraternidade,
dereitos humanos e democracia?
Por que, dicídeme, servides a xente
que sempre anda a falar de paz
presentándose armada até os dentes?

Nunca pensastes que no mundo hai
máis posibilidades que as da Técnica
e do progreso chamado material?
Tamén hai moitísimos homes sinxelos, puros,
inocentes, verdadeiros, que só pensan
en como han chegar ao remate do mes,
no prezo do pan, da luz e das patacas,
en canto custa un traxe, uns zapatos,
que fan números e máis números
para poder mercar un tocadiscos.
... ... ...
Homes do átomo: dicídelle que non
aos vosos amos; desprezade o seu ouro;
aprendede a amar e entón comprenderedes
que a vida é moi fermosa,
que nada hai tan fermoso como a vida.

Si, neste día de festa da cultura galega ao redor de Manuel María e neste tempo de complexa situación, compre lembrarmos os seus poemas e a súa mensaxe. A mesma mensaxe que el recolleu das xeracións e das persoas que o precederon. Entre elas Castelao, cando deixou anotado no Sempre en Galiza os principios do noso movemento galego emancipador: «Galiza, célula de universalidade: Anti-imperialismo, federalismo internacional, pacifismo». E a nós tócamos manter vivos estes principios, sempre pensando en nós e nas xeracións vindeiras. 

Paga a pena, abofé que si! Trátase dunha tradición que precisamos coñecer para nos recoñecer como galegas e como galegos, como pobo pacífico e de ben. 

Obrigado!!!


 

Comentarios