Opinión

O mellor sistema sanitario do mundo?

O presidente da Xunta asegurou, no XII Congreso Nacional de Xornalismo Sanitario, o 8 de abril de 2016, que “está moi orgulloso da sanidade galega xa que a pesar das dificultades dos últimos anos, segue a ser unha das mellores do mundo". Estando de acordo en que temos un dos mellores sistemas sanitarios e un grupo de profesionais dos mellores do mundo, porei en cuestión a administración do sistema sanitario. Na Galiza, onde a Atención Primaria chega a tódolos lugares e debería ser accesible, próxima e de calidade, como veremos, non se está producindo deste xeito.

A relación de lugares con déficits de servizos sanitarios, só nos últimos 4 meses, é interminable: O Grove, Porto do Son sen servizo de Pediatría nin servizo de urxencias as fins de semana, Carballo, Soutomaior, O Morrazo, Forcarei, Deza, Soneira (falta de médicxs)... Camariñas, Vimianzo, Zas, Cambados, Rianxo, Cenlle, Fisterra, Lugo (onde se agrupou a asistencia no Centro de Fingoi), Moaña, Ponte Sampaio, Malpica, Catoira, e así poderíamos seguir.

Que podemos dicir da xestión da pandemia? Que esteamos mellor que outros lugares non é óbice para que a xestión sexa cuestionable. O sr. Feijoo realizou unha reforma da Lei Galega de Saúde e actualmente está realizando outra. O obxectivo, dende logo, non é a mellora do Sistema Sanitario Galego: é crear un “tribunal de orde público” para sancionar todo o que el considera sancionable. Non pensa en restituír as Áreas Sanitarias que eliminou nin incorporar a participación cidadá na xestión da organización sanitaria. A situación de precariedade dxs profesionais continúa e non teñen estabilidade; xs profesionais seguen fuxindo a outros lugares, onde dignifiquen a profesión que tanto esforzo lles custou conseguir. Seguimos sen Xerencia de Atención Primaria e sen orzamentos que fagan fronte a unha demanda de atención cada vez máis numerosa (só dedica o 12% e nós solicitamos o 25% en 5 anos). Contamos con déficit de infraestruturas, de persoal e de dirixentes que saiban capitalizar o enorme potencial duns/has profesionais, que grazas ao seu esforzo fan que o sistema funcione.

O Consello de Contas de Galicia, elaborou recentemente o informe do ano 2018, que pon en dúbida a relacións da administración sanitaria galega cos hospitais privados, nos cales o 42,94% dos ingresos (140 millóns de euros) proceden de achegas da Xunta. Si é capaz de investir nos concertos coa privada, non entendemos, que dun orzamento de 10.000 millóns de euros anuais non sexa capaz de construír un Sistema Sanitario adaptado ao s. XXI e siga tendo profesionais en réxime de escravitude (por isto non ten xs profesionais que demanda o Sistema).

Non entendemos como nos Centros de Saúde, seguimos sen psicólogxs clínicxs, fisioterapeutas, logopedas, terapeutas ocupacionais, xeriatras consultores, e outrxs profesionais, que de existir e en número suficiente, si poderíamos presentar unha Atención Integral: o individuo, a familia e a comunidade. Que intención existe cando non se inviste no ben máis prezado que temos, que é a nosa saúde? Que intención existe cando se deixa marchar profesionais, despois de formalos (e con moitos cartos) para que outros servizos que xs tratan dignamente, xs recruten e estean súper orgullosxs de telos aos seus servizos (e sen gastar un euro na súa formación).

Preguntamos ao Sr. Feijoo, como permite que nunha mañá se poida atender 40 pacientes? Como se poden bloquear axendas dun/ha profesional e deixar sen servizo xs seus aseguradxs, e só atender as urxencias desa cota? Como se pode sobrecargar as consultas con “burrocracia” que so ocupa tempo e non mellora para nada a asistencia? Como se pode permitir que unha cita para un/ha especialista, se demore máis dun ano? Quen é o responsable da (des)organización? Desta traxedia, que se non fose polxs profesionais do Sistema Sanitario na Galiza, aínda sería peor. 

A solución está nas mans de quen ostenta o Goberno neste momento. O Consello Técnico de AP de Galicia está de novo en marcha: será capaz de facer caso? Vainos o futuro!

Comentarios