Opinión

Que máis pode facer o señor Feijoo para deteriorar o sistema sanitario público na Galiza?

Non podemos sair do noso asombro. Cada noticia que coñecemos sobre o sistema sanitario público en Galicia, é pior que a anterior. Agora resulta que a administración do PP en Galicia vai permitir que o Hospital Povisa, que dá servizo a 137.000 persoas na Área Sanitaria de Vigo, vai ser vendida a Ribera Salud (antiga dona do Hospital de Alzira, na Valencia de Zaplana e do PP máis corrupto de Europa, según o xuiz, cunhas perdas millonarias e agora rescatado para a sanidade pública polo novo Goberno valenciano). Amosamos a nosa enorme preocupación por unha adquisición que pode ter gravísimas consecuencias para a sanidade pública galega, especialmente para a área sanitaria de Vigo. Temos que lembrar que quen compra realmente Povisa é a multinacional norteamericana Centene Corporation, aseguradora privada, propietaria do 90% do capital da empresa Ribera Salud. Centene dedícase desde hai anos a comerciar coa saúde de boa parte da poboación estadounidense (e a do Estado español que lle permite o PP).

A venta de Povisa é responsabilidade do vigués José Baltasar Silveira Cañizares, presidente do Grupo Nosa Terra XXI, quen negociou con Ribera Salud, empresa xurdida ao calor da política privatizadora do PP de Zaplana e que é controlada pola multinacional de EE.UU, Centene Corporation.

O concerto singular vixente coa Xunta implica as más de 1.500 empleadas de Policlínica de Vigo Sociedad Anónima (Povisa) e que se encarga de atender a 137.000 galegas. A factura anual ao Sergas anda polos 500 euros por paciente.

O actual conselleiro delegado de Ribera Salud é Alberto de Rosa Torner, individuo que se presentou na lista do PP de Sueca en 2007. O seu nome quedou salpicado na ola de corrupción que asolou Levante según deixou ampla constancia a prensa valenciana. Hai tres anos a fiscalía solicitou ao xuiz que imputase a De Rosa polo cobro de comisións na implantación de próteses, como marcapasos e outras, en Ribera Salud a través da sua filial B2B.

Pois ben, con estes antecedentes, a adquisición de Povisa supón un paso máis na estratexia de Núñez Feijoo de poñer a sanidade publica galega en mans do capital privado, como xa fixo coa farmacéutica Johnson and Johnson á que cedeu boa parte da investigación sanitaria galega ou o contrato coa multinacional Medtronic (fabricante de aparellos cardiolóxicos) para xestionar a área do Corazón no Complexo Hospitalario de Santiago ou a externalización de prácticamente todos os servizos dos hospitais galegos: lavandeiría, cociña, limpeza, telefonía, etc... así como o gran aparataxe (que é, por suposto, o máis caro do sistema) en mans de Galaria (que ten ao frente a cesada exconselleira de Sanidade, Rocío Mosquera).

Con esta manobra, Centene apoderouse dun centro pertencente á Rede de Hospitais de Utilización Pública que atende unha área de 137.000 habitantes de Vigo, o Morrazo e Valmiñor e que é centro de referencia para o Sur de Galicia. Isto supón a consolidación da privatización de boa parte da atención hospitalaria de Vigo (hai que lembrar que para evitar a quebra de Povisa, ésta conseguiu chantaxear a Xunta para que recortase máis de 400 camas do Hospital Álvaro Cunqueiro).

A empresa multinacional Centene Corporation, adquire un hospital con perdas millonarias (18 millóns de euros entre 2015 e 2018) e que foi rescatado da quebra (Concurso de Acredores) polo Sergas, mediante a renegociación do Convenio Singular que lle incrementou o diñeiro por habitante, concedéulle máis poboación e perdonoulle o pago da factura farmacéutica deste centro. A pesar destas prebendas, Povisa seguiu recoñecendo perdas millonarias...e a pesar desto Centene Corporation quérea mercar!! E a Xunta do PP déixalle comprar!

Centene Corporation, ten entre os seus obxectivos estratéxicos, acceder aos dados sanitarios e xenéticos da poboación (no seu Consello de Administración esta o vicepresidente mundial de Microsoft), que grazas a esta compra vai conseguilos, o que non é nada bo para a poboación de Vigo e a súa comarca.

A pregunta que nos facemos, é por que o Sr. Feijoo e a Xunta non incorporan este Hospital e o pasan directamente á sanidade pública galega? Se a van comprar por 22 millóns de euros, co orzamento da Xunta de 1.000 millóns, non se podería incluir na Rede Hositalaria Galega? Claro que sí. A Xunta acaba de dedicar 17,5 millóns de euros...a mobiliario e impresoras, que ninguén lles pideu (importante pero moito menos que sustitutas para as traballadoras e o desexábel rescate deste Hospital punteiro en Vigo).

Qué sucede? que a política do PP vai encamiñada a privatización do sistema, a deterioralo e cando xá está nas últimas, venderllo á sanidade privada, casi sempre a algún amiguete do PP.

Chamamos á Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e a todas as organizacións que a compoñen a ser belixerantes con este tema. Promoveremos unha gran mobilización, para evitar este novo desastre para Vigo, a súa área sanitaria e para a Sanidade Pública de Galicia.

Co ben máis preciado que temos, a saúde, non se xoga Sr. Feijoo!

Comentarios