Opinión

Si, si, Catalunya: unha carta aos meus amigos cataláns

Xa sabedes que non vou votar o 9 de novembro, xa que non son catalán e teño a sorte de vivir no meu país. Tamén teño a sorte de ter amizades coma vós en Cataluña, e por iso coñezo o voso idioma. 

Xa sabedes que non vou votar o 9 de novembro, xa que non son catalán e teño a sorte de vivir no meu país. Tamén teño a sorte de ter amizades coma vós en Cataluña, e por iso coñezo o voso idioma. Xa sabedes que o falo cando estou entre vós, teño que confesar que con mellores intencións que corrección. Dinme de conta de que sodes xente moi amable, sempre me dades as grazas por falar, a veces tatexando, un idioma que foi perseguido por razóns políticas, aínda que non ten ningún mérito que o faga un galego. Temos o mesmo problema, penso que aínda máis agravado no noso caso. En Galicia sabemos, entre outras, de persecucións de idiomas.

Temos o mesmo problema, penso que aínda máis agravado no noso caso. En Galicia sabemos, entre outras, de persecucións de idiomas".

Non todos os galegos, é certo, e non temos que ir moi lonxe para atopar un exemplo que coñecedes ben. O presidente do goberno español tenlle alerxia á lingua do seu país, ninguén o escoitou nunca falar galego nin defendelo, porque na súa cabeza non cabe outra idea diferente que a da súa de España Unha Grande Libre. Non o di así nos tempos que corren, mais as súas actuacións políticas van nesta dirección uniformizadora do Estado Español, como o está a demostrar na súa actuación en Catalunya. Fai falta ser ben insensíbel para menosprezar a lingua na que, na súa cidade de nacemento, Santiago de Compostela, floreou o monumento lírico das cantigas. Nos tempos nos que o señor Rajoy era vicepresidente da Xunta de Galicia fíxose famosa en Galicia enteira unha viñeta na que o político decía "Soy Rajoy y vengo de "Raxoi" (o edificio do axuntamento de Compostela onde se instalaron oficinas da Xunta de Galicia) pues he tenido una junta en la "Xunta".

Xa fai anos que estou convencido de que non ha ningunha posibilidade de que esta terra galega poida desenvolver libremente a súa cultura e a súa economía, e o resto das súas características propias, dentro do Estado Español. Por iso sigo con un grande interese o momento histórico tan importante que se está vivindo en Catalunya, e sei que non estou só, que estou á beira dun bo quiñón dos meus paisanos que non teñen nada que ver co pensamento político dos amigos do señor Rajoy. Cremos que todos os pobos temos o dereito a decidir o noso futuro, un dereito recoñecido internacionalmente.

"Cremos que todos os pobos temos o dereito a decidir o noso futuro, un dereito recoñecido internacionalmente".

Non obstante, os defensores da inercia histórica do Estado Español revólvense contra este dereito elemental sen ningún argumento válido. O mundo sorpréndese de como pretenden prohibir en Catalunya que as persoas se manifesten en liberdade sobre o seu futuro comunal. Defínense a eles memos como herdeiros dun réxime arredado das liberdades máis elementais. Abonda con fixarse no recente caso de Escocia, ou nas consultas que con toda normalidade se celebraron en Quebec.

Tamén miro con sorpresa e simpatía a relación que estableceu a xente de Catalunya coa súa terra e co Estado que en este momento a quere silenciar. A intelixencia política dun amplo movemento de base ao marxe dos partidos políticos. A correcta actuación dos grupos políticos con representación parlamentaria non unionistas, con erros inevitábeis pero secundarios, sobre todo se atendemos á dificultade de chegar a acordos transversais como os que se están producindo. Estades facendo historia, estades, ao meu entender, dando un exemplo de dignidade, de democracia.

"O 9 de novembro é un día importante, mais seguramente que cando o pasedes, e estou seguro de que o ides facer dun xeito brillante, teredes riba da mesa outros retos, mais xa tedes experiencia para facerlles fronte".

Seguide así, por favor. O 9 de novembro é un día importante, mais seguramente que cando o pasedes, e estou seguro de que o ides facer dun xeito brillante, teredes riba da mesa outros retos, mais xa tedes experiencia para facerlles fronte.

Non vos vou preguntar que ides votar. Por sorte, amigos e amigas catalás, vós sodes heteroxéneas, diversas. Como vos dixen, non poderei votar. Se tiver, ademais da afectiva, unha relación administrativa con Catalunya, confésovos que marcaría encantado si, si, na miña papeleta. Si, si, Catalunya.

Unha forte aperta galega.
(traducido do catalán polo propio autor)

Comentarios