Opinión

Aromas de Manu Chao en Ponferrada

Argelino, Clandestino/ Nigeriano, Clandestino/ Boliviano, Clandestino .... a música e a letra desta  fresca cantiga de denuncia de Manu Chao veume enteira á cabeza despois de ler hai un momento nas edicións dixitais dos xornais a detención de Maria Osorio en Ponferrada

Argelino, Clandestino/ Nigeriano, Clandestino/ Boliviano, Clandestino .... a música e a letra desta  fresca cantiga de denuncia de Manu Chao veume enteira á cabeza despois de ler hai un momento nas edicións dixitais dos xornais a detención de Maria Osorio en Ponferrada. Lembrarán vostedes: 

Solo voy con mi pena/Sola va mi condena/Correr es mi destino/Para burlar la ley

"A lei que condena á clandestinidade a inmigrantes condenou a María Osorio a anos e anos de prisión, despois dunha farsa de xuízo".

A lei que condena á clandestinidade a inmigrantes condenou a María Osorio a anos e anos de prisión, despois dunha farsa de xuízo no que a Audiencia Nacional decidiu que esta moza era unha terrorista.

Mano Negra, Ilegal

María estaba en liberdade provisoria sen fianza, e dixo hai uns días en acto público, a través dunha videoconferencia, que ela non pensaba petar na porta de ningunha prisión

Mi vida va prohibida/Dice la autoridad

"Ponferrada do Bierzo fica a 45 minutos en coche do domicilio familiar de María Osorio en Becerreá, ou sexa case un cuarto de hora máis cerca que Compostela de Ferrol"

Hoxe, 15 de xuño, ou na noite de onte, non o sei certo, detivérona en Ponferrada.  É ben curioso que El Correo Gallego poña en titulares que o feito aconteceu en León. Supoño que na rúa do Preguntoiro de Compostela non teñen a obriga de saber que a Ponferrada do Bierzo fica a 45 minutos en coche do domicilio familiar de María Osorio en Becerreá, ou sexa case un cuarto de hora máis cerca que Compostela de Ferrol, a cidade onde foi fundado no ano 1878 este El Correo Gallego que hogano se vende, polo mesmo prezo, abrazado a El Mundo de Madrid, por obra e graza de subvencións autonómicas.

Non mirei só El Correo Gallego. Mirei outra prensa na internet, pois quería saber algo máis desta nova da detención, xa que o disco raiado que fala dun grupo que aterroriza Galiza (non é iso o que fan os grupos terroristas, causar terror?), que insiste na condena da Audiencia Nacional recollida nunha sentenza que atenta mesmo contra o sentido común, esa visión que narra sempre do mesmo xeito os feitos, que desde o ano 2011 se repite  até o engulo na xa coñecida como prensa do réxime, pois quería saber algo máis, porque desa visión unívoca debo confesar que estou absolutamente aborrecido. Farto.

" E logo non se poderá saber se estaba soa ou quen a acompañaba?"

A ver. Se deteñen por exemplo unha presunta parricida, ou un presunto corrupto político repartidor a eito de sobres con cartos entre os colegas do seu partido, pois os xornais din onde o pillaron, con quen ía naquel momento, que forzas de seguridade actuaban, quen pasaba por alí ...

Con quen iría logo María Osorio cando a detiveron a 45 minutos en coche do seu domicilio familiar?  E logo non se poderá saber se estaba soa ou quen a acompañaba?

Fantasma en la ciudad/Mi vida va prohibida/Dice la autoridad

"Contáronme que no momento da súa detención a moza andaba pola rúa adiante acompañada dos seus pais"

Contáronme que no momento da súa detención a moza andaba pola rúa adiante acompañada dos seus pais. Supoño que este detalle non será de interese para a prensa do réxime, pois a súa única preocupación parece que é a de mal vestir de xornalismo as versións oficiais. Home, non, quen manda, manda (e subvenciona).

Mano negra, clandestina
Mano negra, ilegal

Xosé Luís Santos Cabanas, 15 de xuño de 2014

Comentarios