Opinión

A política cultural da Real Academia Galega e a vocación 'trilera' do seu presidente (I)

Contoume, con moito celme por certo, Carmen Muñoz, viúva de Rafael Dieste, que unha persoa que visitaba en Montevideo a Enrique, o maior dos irmáns Dieste, xa moribundo, tentou animalo dicíndolle que o atopaba con moi “bo aspecto”. O enfermo, que falecería ao día seguinte, aínda tivo folgos para contestarlle que el non estaba doente do “aspecto”. Teño a impresión que a actual Real Academia Galega (RAG) está máis pendente do “aspecto”, da superficialidade, que de diagnosticar con rigor as auténticas causas da postración na que se atopa.

Foron moitas as voces que nos últimos tempos, con auctoritas dabondo, se pronunciaron sobre a Real Academia Galega como institución en estado de hibernación e necesitada de ser revitalizada e reorientada. Tamén se ten falado con rotundidade sobre as causas que provocaron esta situación, que nos ten descrito Manolo Rivas con luminosidade de lampo: “…o poder conservador, esta confraría sen fe, só é eficaz, como no mal fútbol, á hora de lesionar o adversario. A arte de dividir, de encirrar. Velaí o que pasou na RAG. Xusto cando a Academia Galega estaba a ser oída, cando trascendera os lindes do academicismo e acadaba unha repercusión cívica no eido da lingua e a cultura, xusto nese intre, fíxose estoupar. Puxérase en marcha o único departamento que funciona con eficacia no poder conservador: a fábrica de fel e vinagre.”.

Este mesmo departamento de fel e vinagre é o responsable hoxendía da desnortada política cultural da RAG, metaforicamente retratada no Entroido último cando o presidente aparece nun escenario que ten como telón de fondo unha restra de chourizos mesturada con xamóns e cacheiras. Alí estaba o representante da RAG pregoando o cocido de Lalín. De calidade excepcional, por certo, que non necesita para nada dos oficios dunha institución académica.

Foron moitas as voces que nos últimos tempos, con auctoritas dabondo, se pronunciaron sobre a Real Academia Galega como institución en estado de hibernación e necesitada de ser revitalizada e reorientada

 

A cuestión é que no último plenario, a instancias dunha carta que lle dirixín ao presidente e que este ocultou alegando que era privada, apareceu na orde do día un punto para tratar dos actos culturais vindeiros, non para debater sobre política cultural.

Foi esta unha das poucas veces que tiven ocasión de discrepar coa política cultural da RAG —cada vez son menos frecuentes os plenarios— e o seu presidente, falto de argumentos e sen vento nas velas, apelou á vontade maioritaria dos académicos que o apoian. Que o apoian en silencio, por suposto, cunha evidente vocación de “caladiños en procesión”. Mesmo algúns que reivindicaban no pasado inmediato participación nas decisións alegando os estatutos, permanecen agora mudos e con actitude reverencial.

Obviamente a política cultural dunha Academia non pode estar orientada, como está agora, por un dicionario de efemérides, que fulmina cun acto a todo personaxe que transita polas páxinas dese día do mes e do ano, xa sexa don Manuel Casás, Saco Arce, o Padre Manuel Feijoo, Alfredo Brañas ou Samuel Eiján. Enténdase que non xulgamos os méritos dos citados persoeiros, limitámonos a sinalar a conveniencia dunha meditada valoración e oportunidade da elección que dependerán, naturalmente, do contexto e do perfil buscado para cada ocasión.

A política cultural dunha Academia non pode estar orientada, como está agora, por un dicionario de efemérides

 

Esta orientación celebratoria, que nada ten que ver coa memoria histórica como se nos quere vender, proxecta unha cultura baseada no consabido “co gallo de…” e o sempre produtivo “etc, etc”, que se traduce en “actos diversos: conferencias, recitais, presentación de libros etc. etc.”. E cando non saibamos que facer, pois un concerto, como fai o Consello da Cultura Galega.

Temos un exemplo moi recente desta actitude na homenaxe que se lle acaba de tributar a J. Antonio Saco Arce en Ourense “co gallo” do 150 aniversario da publicación da súa gramática.

Pois ben, a RAG ten asinado desde o ano 2010, nun solemne acto público, un convenio coa USC para a redacción dunha gramática descritiva do galego actual. Desembolsou para tal fin unha cantidade superior aos 120.000 euros aos que lle temos que engadir outras achegas anteriores ata un total de 150.000 euros aproximadamente, e malia ter vencido todas as datas de entrega sinaladas no devandito convenio, a obra segue sen aparecer e coa amenaza de facelo cada mes de setembro. Pasaron cinco presidentes, un xa falecido, e a gramática segue a ser promesa.

Habería mellor homenaxe na honra de Saco Arce que a publicación desa nova gramática? Coidamos que non pero a RAG limitouse a colaborar no envío dun “comando gramatical” a Ourense para deleite, supoñemos, do numeroso público asistente.

Conste por adiantado que a Gramática da RAG vai ser un libro singular e único na historia do libro galego, un libro surrealista. Aínda non existe pero leva xerado un discurso paralelo de máis de cen páxinas: un total de nove convenios asinados, varias páxinas de reflexións e críticas, numerosos informes e contrainformes, diferentes preguntas e algunha que outra, poucas, resposta.

Malia que non existe libro, sabemos da súa autoría, sabemos do editor e do título, sabemos da filosofía gramatical inspiradora, sabemos dos seus obxectivos.

Conste por adiantado que a Gramática da RAG vai ser un libro singular e único na historia do libro galego, un libro surrealista. Aínda non existe pero leva xerado un discurso paralelo de máis de cen páxinas

 

Os agoiros do presidente da RAG apuntan a unha moi inmediata aparición do libro, antes de 2019, esperemos que non sexa o 28 de decembro. De calquera maneira eu saudarei con ledicia o miragre da súa venida mesiánica e pedirei con entusiasmo que sexa celebrado con palenque entusiástico.

De calquera xeito seguiremos profundando en futuras entregas sobre a necesidade dunha reorientación baseada no debate, na necesaria participación de todos e na maior entrega ao traballo por parte da dirección da institución, ata agora máis pendente do “aspecto” que dos problemas reais.

O libro non existe, nin podemos xulgalo, nin podemos queimalo como ocorre cos exemplos de Los hijos de Sánchez e Fahrenheit 451.

A RAG está a reclamar maior dedicación e coñecemento do seu funcionamento interno para poder desenvolver todo o potencial das súas posibilidades. Ten que liberarse do círculo tribal dunha rolda de persoas que todo o arromban na sancristía e están imposibilitando o debate necesario.

En primeiro lugar, un debate imprescindible sobre o impacto do mundo dixital na estrutura comunicativa da RAG que afecta e modifica certos hábitos e formas de relacionarse coa sociedade.

As actividades culturais deben canalizarse formalmente, para que sexan participadas democráticamente, por medio das diferentes seccións —lingua, literatura e historia— que agrupan a todos os académicos. Aínda que todas son necesarias para “narrar a nación”, non debemos esquecer que a institución estatutariamente ten como especial encargo a “defensa e promoción do idioma galego”. Que é tanto como dicir a curación e rehabilitación dun enfermo grave, case terminal.

A RAG ten que liberarse do círculo tribal dunha rolda de persoas que todo o arromban na sancristía

 

A RAG claro que pode editar libros, pero non ten entre os seus obxectivos o mundo da edición; a RAG, que tamén pode organizar recitais, non está en condicións de facelo, nin debe facelo porque existen foros e organismos dabondo capacitados; a RAG, que tamén pode impartir conferencias, non debe ter como obxectivo prioiritario falar ás distintas parroquias culturais; a RAG, que pode presentar libros, non debe dedicarse a promocionar premios nin autores.

A RAG, debe falar para toda Galicia, con auctoritas conquistada, da necesidade de termar das palabras do noso idioma como quería Novoneyra e debe falar de literatura con maiúscula, debe editar obras fundacionais e preservar o seu discurso, para así solemnizalo, cando sexa necesario, diante dos poderes políticos.

Como a ocasión de debater é escasa no seo da institución, é polo que traio aquí estas impresións un tanto inconexas pero que estimo necesarias para que a sociedade teña alomenos unha síntese do problema.

Na próxima entrega falaremos da inaudita habilidade “trilera” do Presidente da RAG.

Comentarios