Opinión

Manoel Antonio, ese elo orientador

Actualmente, 91 anos despois da súa morte, Manoel Antonio é considerado un clásico se entendemos por tal un autor lido por varias xeracións con misteriosa lealdade, como quería Borges poñendo o acento nas causas que estimulan a lectura dun escritor . Acae salientar esa “misteriosa lealdade” para explicar as dificultades de todo tipo que houbo que superar. De tal xeito que malia o rexeitamento dos “vellos”, o silencio da ditadura e o precipicio que supuxo a xeración “Nós” que engulía todo o que se aproximase a ela, sempre se mantivo un fío condutor que non deixou que esmorecese a súa memoria sempre cangando, iso si, co calificativo de “alleeiro”, que pretendía arredalo da tradición.

Digamos que a recepción da obra do rianxeiro pasou por varias fases e outras tantas reelecturas: nunha primeira vaga desde a súa morte ata 1936, son as voces dos seus coetáneos que cualifican a súa poesía como renovadora cun horizonte exclusivamente poético. Máis tarde, despois do alongado silencio da década dos corenta apenas interrompido, xorde unha segunda onda receptiva. Estamos nos anos finais da década dos cincuenta do pasado século. Acababa de publicarse a escolma de Fernández del Riego (1955) que reproducía poemas inéditos de Manoel Antonio e exhumaba un texto tan lúcido como irónico titulado “Prologo d´un libro de poemas que ninguén escrebeu” (Galicia, 25-VIII-1924). Deseguida García Sabell, depositario dunha valiosa documentación persoal do rianxeiro, que adoita recibir na súa casa mozos universitarios e amigos -Manuel María, Novoneira, Mourullo, Beiras, Ferrín, Bodaño, Baldomero Cores- agasállaos coa lectura dunha parte da súa correspondencia transgresora, aínda inédita, despertando neles curiosidade, interese e admiración.

O “fervor” e “fidelidade” pola obra de Manoel Antonio cobra neste intre unha singularidade que probablemente teña que ver coa reflexión que se facían os citados mozos para atopar respostas posibles a un presente gris e inhóspito. Prodúcese na particular lectura deste grupo de mozos unha resignificación humanizadora como unha especie de exercicio de ruptura da obediencia na procura dunha situación de liberdade. Como consecuencia desta reelectura nace, e perdurará no tempo, o Manoel Antonio abandeirado da resistencia e da rebeldía que degoiraba esta xeración.

Por se non abondase para certificar a pervivencia deste símbolo de rebeldía o manifesto do grupo Rompente titulado “Fora as vosas sucias mans de Manoel-Antonio” (1979) ou os manifestos de Polaroid, a novela de Suso de Toro (1986), veleiquí as recentes palabras de Xosé Manuel Beiras para conmemorar o 30 aniversario da editorial Laiovento: “Herdamos a búsola de Manoel Antonio para navegarmos sen perder o rumbo: somos un mesmo corazón latexante, o mar, o barco e máis nós” (2021).

Pois ben, a reflexionar sobre a súa obra e sobre esta “comunidade de interpretación” que forman un todo, están destinadas todas as nosas obras arredor de Manoel-Antonio: para preservar o legado da súa palabra, publicamos a súa obra completa (Prosa I, Poesía II, Epistolario III, 2012-2015); para contextualizala, publicamos a súa biografía, Manuel Antonio, unha vida en rebeldía, 2017) orientados por unha documentación que nos permitiu seguilo por todos os mundos que habitou; e para achegarnos respectuosamente á súa poética publicamos un libro secuestrado pola pandemia (Aproximacións a Manoel Antonio. Textos e contextos, 2020). Non foi a nosa pretensión desvelar misterios inextricábeles, obxectivo de moralistas e teólogos, conscientes, seguindo a Zagajewski, que soamente podemos ser coñecedores do tremendum mysterium que encerra a obra de arte cando ignoramos o que é a poesía, o sufrimento e a morte. Limitámonos, nas nosas aproximacións, a procurar unha achega ao núcleo da súa obra termando que o espazo inevitable que nos separa desa pretensión sexa alomenos dinámico, emocionante, elocuente e articulado. Así nolo demanda a obra de Manoel Antonio que nos convoca á súa lectura con horizontes cósmicos, con misteriosa lealtade.

Comentarios