Opinión

A liturxia da choiva

O outono conseguiu fraternizarnos coa choiva que o verao negou, producindo seca e reseca en terra fértil e nos acuíferos, unha enorme preocupación polo que carecemos e polo pouco que coidamos o planeta terra. Unha manifestación máis do cambio climático e dos erros constantes que cometemos con el. Canto un agradece estes súbitos arroutos de treboada e que tanta vida recuperan volvendo a fascinarnos en tantas alegorías nestes tempos alterados e incertos.

Temos a obriga de clasificar as prioridades e os ditados que nos envía o planeta tan ferido, mais que responde con mensaxes pouco asumidos e desobedecendo tantos avisos e encomendas que nos manifesta con rotundos prexuízos. O desprezo por quen nos sostén e nos da vida é un dos erros do ser humano que nos leva a unha fatalidade apocalíptica.

Nunca conseguín darme unha molla coa choiva que descargan farturentas nubes. Tiven a tentación de facelo mais non fun valente, cando os poros proían por respirar nesa fartura de pingazos dun trebón espeso e gratificante. Confeso que son demasiado covarde para procurar e resistir existencialidade nos clamores vivenciais da choiva sobre meu corpo nu. Teño a impresión de que non busco a inocencia de ser libre e salvaxe como un veado, aínda que as glándulas sudoríparas desexen congratularme cos temperos dunha choiva ininterrompida e memorial. Penso nese manto de choiva violenta, farturenta, envolvendo a todos os seres vivos nun entenrecedor e barullento trebón que só un corpo liberto e gratificante recoñece esa linguaxe acuática e ama a súa liturxia.

En Luanda, non me deixou indiferente as insistentes choivas do kajimbo (época das grandes treboadas do maio angolano), cando o ceo esgaza con furiosas descomposicións de choivas xerminais, como si fora aviso de diluvio. Mais o grosor das pingas sintetizan esa harmonía que as crianzas comprendían e desexaban. Plenamente núas e inocentes, saltando e expoñendo o seu ardor en oferta heterodoxa, sen finximentos e sen arrepíos que produce o saber espirse a tempo e sen complexos. Esta é a Mai África, a das inmensas choivas e dos grandes ríos, da que tanto temos que aprender de seus hábitos e normalidades.

Mesmo é a choiva a que preconiza a loanza libertaria e o fin das alienacións e dos mitos que nos escravizan. Pois, loada sexa a auga e nós en ela, en inauditas aventuras e fluíndo coa vocación de fraternizarnos no memorial das augas claras e axitadas, as que nos dan permanencia existencial neste planeta que devastamos. Pois, bendita sexan as choivas.