Opinión

Exclusión do idioma galego na exposición 'In tempore sueborum'

Visualizar unha serie de elementos e códigos históricos da Alta Idade Media e debruzarnos no Reino Suevo, compartido por galegos-portugueses, resulta moi suxestivo para retraernos na grandeza daquela Suevia que aportou tantos pulos á nosa identidade, e de cuxos respiros aínda o noso ser latexa. Ourense, a gloriosa e adiantada en tantas cousas nobres e distinguidas da galeguidade que soubo dar a Galiza tantas recompensas que delas “ben se pode gabar”, como dixo Curros Enríquez. A exposición: “In Tempore Sueborum”, podémola encontrar en tres puntos ben definidos da auriense medieval. No Centro Cultural Marcos Valcarcel, en Santa María Nai e no Museo Municipal. Peregrinar a cada un destes puntos reconforta dialogar cos restos arqueolóxicos e históricos expostos nestes tres e adecuados puntos. Vén a caer como unha dádiva calorosa que nos espile destes días xélidos ourensáns.

Coido que na Galiza precisamos desta dose de reencontro coa nosa historia mais notoria da antigüidade e cos esforzados intelectuais que desde Ourense a descubriron das teas do silencio, como Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Bóveda, Blanco Amor e todo ese longo inventario de intelectuais que deixaron pegada na súa cidade. Por tanto, a Cidade das Burgas, pode representar a un espazo como é o que se concentra nos lindes da súa provincia, un dos tesouros mais portentosos do Reino Suevo, extensíbel as terras irmáns de Portugal, das regiões do Minho e Trás-os-Montes e, aínda alén do Douro. Todos eses elementos expostos, apuntan cara unha cultura estábel e fornecida dentro duns parámetros que consolidaron herdo e comunidade estábel: entidade nacional.

Podemos aceptar ou criticar varios termos técnicos, desa versión concibida en que todo o escenario da exposición ofrece interese, coido que cronoloxicamente non desvirtúa o plano historiográfico que se mantén. Mais a diverxencia mais manifesta pode vir, positivamente debe vir en son de protesta, contra os verdadeiros organizadores, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, máximos responsábeis de que o idioma castelán sexa o primeiro nas indicacións escritas que detallan a cada unha das pezas e a crónica histórica. Despois ben o galego e por último o inglés. Por moito que intentemos entender cousas estrafalarias, nunca chegaremos a aceptar temas que atinxen á nosa sensibilidade colectiva e, por iso, non se pode aceitar a dialéctica de impor a lingua foránea en primeiro orde e o idioma galego en lugar secundario, isto obedece a normas intransixentes e intrinsecamente  obscenas, pola simple razón de que agriden e decapitan a presenza autorizada do noso idioma orixinal como primeira lingua.

O escándalo é tamaño cando observamos o catálogo da exposición, aceptábel no formato e no prezo, mais abominábel en manter a primacía do idioma castelán e darlle protagonismo con todo ese conxunto gráfico da exposición e reducindo ao galego a unhas páxinas de cor amarelo e con letras ben miúdas, con qué afán e interese? Todos o sabemos. Podo constatar que nesa exposición había xente moi enérxica no intre de mercar o catálogo e ver a desfeita con que é sometido o noso idioma, por quen desgoberna país. Vin protestas cara a funcionaria que os vendía. Esta xustificaba o inxustificábel de sempre, que o galego non o entenden o resto dos españois. Esta exposición será mais vista por galegos e portugueses que por españois. Aínda sendo ao contrario, non ten xustificación algunha de someter con vileza o idioma dun pais e dándolle prioridade ao idioma que nos coloniza cando se impón. Mais neste catálogo hai algo simbólico, unha metáfora que esclarece o que intentaron minimizar, o destaque da cor amarela, na que está escrito o texto en galego. Unha cor con significado de actualidade en Cataluña. A cor dos presos e exiliados nacionalistas. Coidemos: o idioma galego visto nas páxinas amarelas do catálogo, pode levarnos a reflexionar de que o noso idioma tamén está preso e exiliado. 

Comentarios