Opinión

Courel, Courel! En tráxico lume!

“Os Eidos”, das palabras metafísicas de Uxío Novoneyra, este memorizador defensivo dos altos tesos do Courel, tantas veces aldraxados polos “administradores” do noso territorio; terra de tantas e diversas depredacións que eles permiten. Agora, os courelaos están na dor que o poeta presentiu: “ESTA door! Esta dor que se oi! (...) Agora é todo unha negrura loba”. Continuemos coa palabra certa e mobilizadora do poeta: “ESCURECEN os penedos. / Baixa a sombra do ucedo / aniárseme no peito”. O énfase da resistencia continúa resoando na voz épica do poeta de Parada: “CUMES solas i escuras / correndo nuas / pra maior soidade e negrura!” Uxío coñecía e deploraba a destrución do Courel por esas apocalípticas ragoadas (labaradas, fogueiradas). El asistiu pávido ante esa queima destrutora dos seus eidos nativos, de centenarias reboleiras (carballeiras) e das extensas  redromas follateiras. As bouzas e os brelos de elegantes pólas realzando a paisaxe courelá, que parecía sempiterna e tan viva para non claudicar.

Novoneyra viu partillado e calcinado o Courel, ergueu a súa recoñecida voz para dicir o que moitos dicían ás caladas. No seu dietario poético están presentes as súas alzadas e protectoras denuncias contra os incendios que estes días arrasaron casas e lugares enteiros. A voz elexíaca do Courel, en todas as súas plenitudes, proferindo altiva solemnidade contra as administracións que toleran a devastación da flora e da fauna; contra a falta de planificación dos sensíbeis espazos que están exentos dunha prioridade esixente e actuante nese longo territorio medioambiental como é o Courel. Contar con previsións axeitadas para combater estes desastres ecolóxicos. Novoneyra ten un poemario que percorre os desfiladeiros da dignidade, con fotografías do seu amigo e fotógrafo, Federico García Cabezón, que ilustran os arboredos calcinados de centenarios de soutos e devesas que provocan bágoa e rabia concentrada contra os que practican inoperancia e transixencia na xestión dun territorio montesío como é o amplo Courel.

O derradeiro martes día vinte e sete, avións ante incendios e sirenas de bombeiros alertaron a poboación do perímetro de Pesqueiras (Chantada), na zona ribeirá, preto do encoro de Belesar. Servidor observou unha enorme fumeira localizada en dirección do mosteiro románico de Pesqueiras, un espazo na conca do Miño, na que a paisaxe e a arte gozan dunha interrelación moi sensíbel en abastecidos soutos, videiras e devesas, moi propensos a incendios, rente ao antigo priorado, datado en 1120. Novecentos anos merecen moito respecto e persistente protección. Declarado monumento nacional en 1950. Actualmente, a teitume da ábsida está ameazada polas pólas dun castiñeiro que destruíu varias tellas, co perigo de que penetrar a auga no interior do presbiterio e destruía os frescos renacentistas, recentemente restaurados. Velaquí a indiferencia e a pasividade das autoridades civís e eclesiásticas, pouco implicadas na preservación e integridade do monumento. Ademais destas  incidencias tan puntuais, sobre este espazo. O edificio prioral está cercado por dúas liñas de alta tensión que multiplican o perigo de incendio. Coidamos que non hai un proxecto previsto para estabilizar a preservación do noso patrimonio monumental e dos arboredos que conforman este escenario paisaxístico. Hai que afrontar o tema con coraxe, o incendio do pasado martes, aconteceu na banda esquerda do Miño, na parroquia de Rebordaos (Saviñao), lindeira de Pesqueiras. Simplemente: o azar enviou un aviso de incendio moi a ter en conta. Toda unha metáfora dun acontecemento tráxico que pode acontecer.