Contrariedades sobre os touros e as touradas na Galiza (I)

Aos meus seis anos de idade, conmoveume unha carta do Pepe de San Roque, emigrado no Brasil, que foi lida aos veciños debaixo do meu frondoso castiñeiro de Podente e na que recomendaba que á vaca recen parida lle protexeran as costas da friaxe e aos bois de xugada se lle puxeran as sogas da molida frouxas para que non sufriran. Mais tarde entendín o debuxo de Castelao do “Álbum Nós”, con aquel boi setado por un toureiro e un labrego que observaba un cartel que anunciaba unha corrida de touros, exclamando: “Qué lástima de bois!” O que me promocionou amar mais ao noso vacún e entender o amor e o respecto que se ten na Galiza por estes animais, que tanto aportaron a nosa economía de subsistencia e prestaron axuda aos labregos en seus labores. Foi no servicio militar en Sidi Ifni cando comprendín que os de fora da Galiza non entendían nin respectaban os nosos sentimentos. Certo día un soldado parvallán mesetario, burlouse dun soldado de Palas de Rei, solemnizando os seus decibelios de voz: “Me despedí de Maruxiña y no lloré, pero al despedirme de la vaquiña la besé”. Esta burla é patética, mais no fondo da cuestión é entenrecedora como as vacas e os bois formaban parte das benquerenzas familiares e, por tanto, dun grande e agarimoso respecto.

Non é novo o desprezo que aínda se fai co gando vacún e isto o amosan moitos dos intelectuais e clérigos galegos, sempre en boa disposición para anatematizar e censurar as touradas e os toureiros. O poderoso cardeal Rodrigo de Castro e Osorio (1523-1600), da liñaxe dos Condes de Lemos, arcebispo de Sevilla (1581-1600) contribuíu a que a bula de Pío V: De salutis gregis dominici, na que se prohibía  aos católicos españois, con pena de excomuñón, participar nas corridas de touros. Rodrigo de Castro, sendo bispo de e Zamora e máis de Cuenca (1578-1581), foi un xerarca que teimou levar a cabo esta disposición sendo cardeal de Sevilla, que talvez el ditou ao papa Sixto V. Rodrigo de Castro aferrouse ao seu suposto ditado da severa bula, prohibindo as touradas en 1583, dous anos despois de chegar a Sevilla.

Rodrigo de Castro tivo enormes litixios coa cidade hispalense polas drásticas prohibicións que impuxo aos rexedores sevillanos que acudiron á autoridade de Felipe II, que non resolveu o asunto. Quizais a teima ante taurina que tiña o influente cardeal, víñalle pola súa cultura galega de amor a ese animal tan necesario que ele mesmo viu axudar aos labregos carrexando os produtos do campo e abrindo regos. Ou pola evocación que se lle fai na iconografía románica das nosas igrexas, evocando e caracterizando ao boi como símbolo solar e propiciatorio, representación do sacrificio de Cristo, e como alegoría e gratitude aos bois que transportaron bloques de pedra para construír igrexas. O cardeal Rodrigo de Castro coñecía os feudos labregos dos Lemos. Ele foi capelán vitalicio de Pinol (Sober) e de San Martiño da Cova (Saviñao), por tanto coñecía puntualmente o respecto ao gando vacún que tanto aportou á economía de pobres.

Lendo “España Contemporánea”, de Rubén Darío, chamoume a atención unha observación que fai sobre esta materia, ao dicir: “Jovellanos, en su carta a Vargas Ponce, no tuvo empacho en sostener que la diversión no es propiamente nacional, porque Galicia, León y Asturias han sido muy poco toreras.” O ilustrado Melchor de Jovelhanos coñecía moi ben os ambientes agrícolas de Galiza e, por tanto, tivo unha posición frontal contra as practicas da tauromaquia. A súa opinión, remarcada por Darío, condúcenos a constatar dos galegos unha cultura ante touriña, levándonos a un máximo expoñente como foi o do Padre Sarmiento.

O que este expuxo merece atención en cada unha das súas consideracións ante taurinas. Antes de entrar en materia valoremos o seguinte texto de José María de Cossío: “Era gallego el P. Sarmiento, es decir, de una región en la que, como en todas las del norte de España, el ganado vacuno es el género de animal doméstico más manoseado, estimado y familiar. Creo que este hábito de considerarle tal es la raíz, por así decirlo, sentimental de su enemiga al cruel espectáculo en la que se le sacrifica”. E partindo desta previa, atopamos ao Padre Sarmiento loando a Galiza das non touradas, e remarcando os acondicionamentos seguintes: “Por estar tan repartido y tener cada labrador pocas cabezas, las alimenta a mano, y sin necesitar de vaquerizos ni pastores”.

Nestas relacións contrapostas entre o norte e o sur peninsular, o Padre Sarmiento confírmase como un valedor en suprimir as touradas,  tomando a Galiza como referencia e exenta desa cultura grotesca que se usaba no Madrid do século XVIII, no cal vivía e coñecía, onde observaba grandes desfeitas e desasosegos na poboación, cando di: “No hay corrida de toros que no tenga sus vísperas y tornavoda. Quiero decir que cada una vale por tres días de ociosidad perdida o festiva. La víspera, porque se espera, el día, porque se ocupa, y el día inmediato, porque se descansa de la fatiga de haber voceado y gritado”.

Dada a inutilidade que remarca Sarmiento, as corridas tiñan outros problemas de tipo moral e a súa censura non se deixou agardar: “Añádase a lo dicho de la bárbara y sanguinolenta corrida de toros, el libertinaje e indecencia de asistir a ella hombres y mujeres entreverados y aun unidos; eso ni ha venido de los páganos y menos de los moros, que tienen tanto cuidado de retirar sus mujeres; ni de los cristianos por lo que hacían en los templos, baños, y hoy en los teatros, y en los rosarios y procesiones”.

O Padre Sarmiento insistiu na amoralidade das corridas de touros, polas que se intentaba integrar a persoas de baixa cultura, tiñan unha sádica proclama que o bieito incide: “Lo que se dice que con las corridas de toros  se forman los ánimos marciales y militares, es una engañifa de los diablos, con la cual y con el título de devoción quieren cohonestar las bárbaras y sanguinarias corridas de toros”. A dialéctica ante taurina do Padre Sarmiento pode que se condense nestas palabras: “Soy de ese mismo dictamen: que haya diversiones, pero no perversiones”.

Comentarios