No centenario de Agostinho Neto
O presidente Neto foi un poeta da negritude, insurxente, médico, estratega, guerrilleiro e estadista. Foi capaz de configurar unha magna obra humanista de variados perfís sobre a opresión colonial. “Sagrada Esperanza” introdúcenos no existencialismo africano e particularmente no angolano. Dous parámetros adecuados a un modelo nacionalista que respondía as esixencias de liberdade do chamado Terceiro Mundo. Unha postura comprensíbel partindo das causas existenciais. Nesta dirección, Agostinho Neto visualizou a realidade opresiva, incidindo na concienciación dese ardor nacionalista que o convocaba. “Sagrada Esperanza” foi o catalizador desa obxectividade dialéctica na que se expón a realidade dese amplo colectivo oprimido. Neste poemario descríbense os dramas, pero tamén o carácter de loita e a coraxe da militancia anticolonial dos que impuxeron seus valores como negación ao colonialismo. Valores de afirmación de ser angolanos e priorizar o combate restaurar a nacionalidade perdida e instaurar a memoria ancestral. O nacionalismo de Agostinho Neto debe ser contemplado en “Sagrada Esperanza”, como o vencello aglutinador do ego e da particularidade nacional angolana.
O soño nacionalista de Liberación Nacional ten na poesía do presidente Neto gratos salvocondutos, sempre en clave liberadora e nunca en metáfora encubridora do que se ten que dicir. O pragmatismo de Agostinho Neto conduciuno a reconstruír a patria angolana, desde unha idea nacionalista e capaz de aglutinar esa esperanza cívica e social de Angola, que parte desde aqueles precursores nacionalistas e poetas, fundadores do MPLA, o propio Agostiño Neto, António Jacinto e Viriato da Cruz, que ergueron a súa voz para proclamar: “Vamos descubrir Angola!” “Sagrada Esperanza” é o códice documental desa enorme epopea africana. Aquí radica a grandeza da poesía intemporal de Agostinho Neto, o ben chamado: “saudoso presidente”, na que flúe e pulsa a plenitude da épica liberadora, o sentimento amoroso e o ton elexíaco que utiliza. En “Sagrada Esperanza” esta a historia heroica da dignidade colectiva de Angola.
“Sagrada Esperanza”, “Renuncia Impossivel” e “Amanhecer”, son os tres títulos de poesía que se impoñen contra a alienación nun relato social e revolucionario. Estes rexistros concretan ese realismo emancipador. Claro que “Sagrada Esperanza” é un libro enormemente socialista que responde ao pensamento marxista de Agostinho Neto. Que suxire dar respostas as contradicións da globalización imperante e crear alertas sobre o neocolonialismo. Neste contexto, a poesía sempre tivo respostas para realizar cambios sociais e estruturais, dimensionando denuncias contra os opresores. Agostinho Neto deixounos un legado literario e político-social ao que temos que procurar e conmemorar. O líder da Liberación Nacional de Angola non admitiu renuncias, merece ser homenaxeado no centenario do seu nacemento que se celebra o presente ano.