Opinión

No centenario de Agostinho Neto

Corrían aqueles catro meses após do 25 de abril de 1974, en pleno éxito da “Revolução dos Cravos”. Eu estaba no Porto, na Praça da Liberdade, popularmente coñecida pola Praça do Cavalo. Diante do monumento do rei Pedro IV, os grupos da multitude discutía, axitaba, arengaba o triunfo revolucionario. Sentín un impacto enorme naquel convivio eufórico e, mesmo, sentinme liberado do peso das tebras da ditadura franquista por uns días. Fixen amigos duradeiros, merquei libros prohibidos polo salazarismo, entre eles “Sagrada Esperanza” de António Agostinho Neto (1922-1979). Un poemario impresionante que lin en dúas noites no hotel. Conmoveume a súa poesía e asumín que o líder do MPLA, en súa ovación liberadora estaba emitindo mensaxes para o pobo angolano, tamén para tódolos pobos oprimidos. De regreso a meu Merlán nativo traducín con urxencia “Sagrada Esperanza”, converténdose na primeira edición que se publicaba en España. Mais tarde, publicouse en Cuba. Por estas cuestións de traducir e editar este enorme poemario e abondar en estudos sobre o pai da patria angolana e seu primeiro presidente, abriume moitas portas pola África lusófona e aportoume extraordinarias experiencias sobre a represión e as loitas dos cinco países de lingua portuguesa en África.

O presidente Neto foi un poeta da negritude, insurxente, médico, estratega, guerrilleiro e estadista. Foi capaz de configurar unha magna obra humanista de variados perfís sobre a opresión colonial. “Sagrada Esperanza” introdúcenos no existencialismo africano e particularmente no angolano. Dous parámetros adecuados a un modelo nacionalista que respondía as esixencias de liberdade do chamado Terceiro Mundo. Unha postura comprensíbel partindo das causas existenciais. Nesta dirección, Agostinho Neto visualizou a realidade opresiva, incidindo na concienciación dese ardor nacionalista que o convocaba. “Sagrada Esperanza” foi o catalizador desa obxectividade dialéctica na que se expón a realidade dese amplo colectivo oprimido. Neste poemario descríbense os dramas, pero tamén o carácter de loita e a coraxe da militancia anticolonial  dos que impuxeron seus valores como negación ao colonialismo. Valores de afirmación de ser angolanos e priorizar o combate restaurar a nacionalidade perdida e instaurar a memoria  ancestral. O nacionalismo de Agostinho Neto debe ser contemplado en “Sagrada Esperanza”, como o vencello aglutinador do ego e da particularidade nacional angolana.

O soño nacionalista de Liberación Nacional ten na poesía do presidente Neto gratos  salvocondutos, sempre en clave liberadora e nunca en metáfora encubridora do que se ten que dicir. O pragmatismo de Agostinho Neto conduciuno a reconstruír a patria angolana, desde unha idea nacionalista e capaz de aglutinar esa esperanza cívica e social de Angola, que parte desde aqueles precursores nacionalistas e poetas, fundadores do MPLA, o propio Agostiño Neto, António Jacinto e Viriato da Cruz, que ergueron a súa voz para proclamar: “Vamos descubrir Angola!” “Sagrada Esperanza” é o códice documental desa enorme epopea africana. Aquí radica a grandeza da poesía intemporal de Agostinho Neto, o ben chamado: “saudoso presidente”, na que flúe e pulsa a plenitude da épica liberadora, o sentimento amoroso e o ton elexíaco que utiliza. En “Sagrada Esperanza” esta a historia heroica da dignidade colectiva de Angola.

“Sagrada Esperanza”, “Renuncia Impossivel” e “Amanhecer”, son os tres títulos de poesía que se impoñen contra a alienación nun relato social e revolucionario. Estes rexistros concretan ese realismo emancipador. Claro que “Sagrada Esperanza” é un libro enormemente socialista que responde ao pensamento marxista de Agostinho Neto. Que suxire dar respostas as contradicións da globalización imperante e crear alertas sobre o neocolonialismo. Neste contexto, a poesía sempre tivo respostas para realizar cambios sociais e estruturais, dimensionando denuncias contra os opresores. Agostinho Neto deixounos un legado literario e político-social ao que temos que procurar e conmemorar. O líder da Liberación Nacional de Angola non admitiu renuncias, merece ser homenaxeado no centenario do seu nacemento que se celebra o presente ano.

Comentarios